O mellor teatro galego chega a Pontevedra coa VIII edición de Ponteatro
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
A oitava edición de Ponteatro chega en outubro ao Teatro Principal de Pontevedra coas mellores compañías galegas. Voadora, Marelas Producións, Producións Dispersas, A Macana, Malasombra, Contraproducións e Producións Teatráis Excéntricas mostrarán ata decembro, as súas mellores producións exclusivamente galegas. A través delas, os espectadores poderán gozar das temáticas máis variadas pasando polos clásico, a comedia, o teatro contemporáneo, monólogos ou a danza galego-cubana.
O evento foi presentado este xoves pola concelleira de Cultura, Carme Fouces que quixo mostrar a súa satisfacción pola boa acollida que tivo este evento nas súas anteriores edicións, "cunha media de 400 espectadores por representación". Trátase duns aforos máis que respectables para unha programación exclusivamente galega, explicou a concelleira antes de comentar a programación deste ano.
En total van realizar sete representacións, cinco os xoves, ás 21:00 horas, e dúas os venres, enmarcadas nos 'venres golfos', ás 23:00 horas.
A programación dos xoves empeza o 10 de outubro. Producións Teatráis Excéntricas serán os encargados de inaugurar esta oitava edición coa representación do clásico 'Medida x medida de Shakespeare'.
O 24 de outubro, La Macana presentará 'Pink Unicorns', punto de partida da nova creación da produtora en colaboración con Samir Akika, establecendo como reto o poñer en escena a un pai e ao seu fillo adolescente a través da danza galego-cubana.
O 7 de novembro chega a quenda de 'Bernarda' de Malasombra Producións. A protagonista da historia, Bernarda, queda viúva o mesmo día da morte de Franco e mientra na rúa a sociedade da transición está a cambiar, ela fai todo o posbile para que eses cambios non entren na súa casa.
O 28 do mesmo mes presentarase 'Commedia' de Contraproducións. Trátase dunha reedición da peza estreada en 1993 que acabou sendo un dos fitos do teatro galego.
Marelas Producións, co monólogo 'Liberto', serán os encargados de pechar este ciclo de teatro. O 19 de decembro, os espectadores poderán gozar dun espectáculo que revisa os límites socialmente acordados a través dun relato honesto sobre como xestionar a dor e de como seguir avanzando.
O 18 de outubro empezan os 'venres golfos' con 'Hemos venido a darlo todo'. A compañía teatral Voadora, realiza un manifesto e un pacto coa experiencia escénica desde o brillo de todos os seus elementos: movemento, música e imaxes.
Finalmente, o 22 de novembro Producións Dispersas presentan 'Memorias dun ser humano disperso. Versión 7.0'. A peza de Diego Freire é un espectáculo cómico musical, un cabaret absurdo protagonizado por un personaxe desubicado, disfuncional e un pouco esquizofrénico.
A compra das entradas poderase facer a través da páxina web de Ataquilla, na Casa da Luz ou no despacho de billetes do Teatro Principal unha hora antes de que empece a función.
O prezo das entradas será de 8 euros o prezo normal e de 4 euros o prezo reducido para estudantes, xubilados e parados. Así mesmo, haberá abonos para todas as funcións por un prezo de 42 euros o normal e de 28 euros o reducido.