Maxia e un obradoiro de cociña por parte da Asociación Down 'Xuntos', principais novidades da VII edición do Festival Núbebes
Por Almu Dapena
Co mes de setembro, chega a Pontevedra o festival máis especial para os máis pequenos da casa, o Festival das Núbebes.
Teatro, danza, música, talleres, animación na rúa, contacontos, guerra de almofadas... Un amplo abanico de actividades para aprender todos xuntos, compartir experiencias e gozar de tempo de lecer en familia.
A concelleira de Cultura, Carme Fouces presentou esta mañá, xunto co director de AGADIC, Jacobo Sutil, e Andrea Bayer e Óscar Ferreira, de Baobab Teatro, a sétima edición deste festival que contará con algunhas novidades con respecto a anos anteriores e con varios pases para adaptarse á demanda do público.
O festival desenvolverase os días 20, 21, 22, 28 e 29 de setembro en espazos de toda a cidade: Casa Azul, Teatro Principal, Praza do Teucro, Padroado de Turismo Rías Baixas, Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e a sede social do Casino Mercantil.
A inaguración desta nova edición empezará o venres 20 coa presenza do personaxe Roque e como artista convidada Cora Velasco a partir das 18:30 horas no Teatro Principal.
O sábado 21 continúa a programación coa principal novidade deste ano. Trátase dun obradoiro de cociña que realizará a Asociación Down Pontevedra 'Xuntos' na Casa Azul para nenos e nenas de entre 3 e 6 anos. Tamén contarán, como cada ano, coa representación por parte da Asociación Amencer que este ano representarán 'O sombreiro que voou' o sábado 28.
A maxia tamén será un dos novos atractivos desta edición. O Mago Paco atreverase co seu espectáculo 'Patapatún, tun, tun!!' para nenos de 1 a 4 anos o sábado 28. Asturias, con Kamante Teatro, e Salamanca, con Eugenia Manzanera, tamén estarán presentes no festival de Núbebes con 'Sembrando historias' e 'Caracol' os días 21 e 28 respectivamente.
A guerra de almofadas será o domingo 29 ás 12:30 horas na Praza do Teucro, y cada participante deberá levar o seu coxín ou almofada. A gala de clausura correrá a cargo de Marcelo Dobode e Beatriz Martínez (Percubebés) co concerto 'Banda Moraima' e a presenza de Roque.
Por último, os talleres para profesionais este ano cambian de data e desenvolveranse de maneira independente ao festival os días 5 e 6 de outubro.
Para asistir ás actividades, tanto as que sexan gratis como para as que haxa que pagar, é necesaria a recollida previa de entradas.
As entradas dos espectáculos de pago poderán adquirirse de maneira anticipada a partir deste xoves a través de Ataquilla ou o mesmo día da función no despacho de billetes do Teatro Principal. Pola contra, as entradas gratuítas soamente poderanse retirar o mesmo día da función (máximo de 4 entradas por persoa e espectáculo) en horario de 10:30 a 13:00 horas para os espectáculos de mañá, e de 16:00 a 19:00 horas para os espectáculos de tarde no Teatro Principal. Para o día da inauguración, o venres 20, o despacho de billetes abrirá só en horario de 17:00 a 18:30 horas.
Relacionadas:
-
Unha nova usuaria de Down Pontevedra traballará como monitora de comedor no Vidal Portela
Por Redacción |
-
Estudan a creación dun servizo municipal para atender as afeccións neuronais de menores
Por Redacción |
-
Contos, maxia, teatro, música e mesmo un obradoiro de ioga para bebés despiden o Festival das Núbebes
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Esperando á próxima fin de semana con máis Núbebes
Por Diego Torrado |
-
Chegaron as "cousas bonitas" do Festival das Núbebes
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Almofadas veñen e van para pechar o Festival das Núbebes
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Toca ir despedíndose do Festival das Núbebes
Por Diego Torrado & Redacción |