Antón Reixa, principal estrela dos actos que Cantos na Maré desenvolverá no Museo de Pontevedra
Por Anxo Lourido
Este venres 13 comezan as actividades paralelas que se desenvolven dentro da XV edición do festival Cantos na Maré. Trátase de diferentes expresións artísticas, de carácter gratuíto, que terán como escenario o Museo de Pontevedra.
O venres ás 17.00 horas, a compañía de nova creación formada pola vocalista Faia Díaz e pola contadora Vero Rilo ofrecerá a súa proposta titulada 'Apatacón'. Ás 18.00 horas, dentro do ciclo Cinemaré estrearase en Galicia 'Ruth', de António Pinhao Botelho, que recolle unha historia popular para realizar unha crítica ao réxime de Salazar ao mesmo tempo que conta a historia do futbolista portugués Eusébio.
Durante o sábado 14, a programación iniciarase ás 11.30 horas con 'Camiños', a nova aventura de Magín Blanco. Trátase dun espectáculo musical para que o público infantil goce de música, teatro, poesía e contos a través da imaxinación.
Ás 16.30 horas, desenvolverase unha visita guiada pola colección de obras do Museo que desemboca no concerto do pianista vigués Brais González.
Ás 18.00 horas, no Museo proxectarase 'Onde estás Joao Gilberto?', un documental de Georges Gachot, que dará paso ás 19.15 horas ao espectáculo poético-musical 'aRi( t)mar Poesía na Maré', coa participación de Lucía Aldao, Lois Pérez e Rosalía Fernández Rial.
O domingo 15 de setembro ás 10.30 horas levarase a cabo unha visita guiada pola cidade co músico e narrador oral Xurxo Souto. Partirá das Ruínas de Santo Domingo e chegará ao Museo ás 12.00 horas.
Esa mesma xornada celebrarase un taller infantil de instrumentos antigos nas instalacións do Museo. Comezará ás 11.30 horas.
Toda a programación neste espazo finalizará cun "spoken word" de Antón Reixa baixo o título 'Melancholemia'. Este martes, o músico e poeta explicaba que esta performance tivo o seu inicio en Pontevedra durante unha madrugada na que á saída dun local onde un home dirixiuse a Reixa preguntándolle "se lle sacamos unha foto movida a un cadáver, quen ten a culpa o fotógrafo ou o cadáver?". Sinala que este traballo está sacado de noticias que pasan desapercibidas a través dun formato que relaciona a poesía con outros actos de expresión.
Na presentación destes actos dentro de toda a programación de Cantos na Maré, ademais de Antón Reixa, estiveron Fran Rivera, director de Cantos na Maré; José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra; Carmen Fouces, concelleira de Cultura e Jacobo Sutil, director de AGADIC.
Relacionadas:
-
'Enredadas' con Carmen París, Martirio, Uxía e Ugía Pedreira pon fin a Cantos na Maré
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Mayra Andrade deixa pegada no seu concerto en Cantos na Maré, que conclúe este domingo con Enredadas
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
A caboverdiana Mayra Andrade, estrela central nunha xornada ateigada de actividades no Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Chega o primeiro Festival de Música e Teatro de Salcedo
Por Almu Dapena |
-
Bia Ferreira abre este venres o 15 aniversario de Cantos na Maré
Por Redacción |
-
RADIO.- A mar de cantos volve recalar en Pontevedra
Por Marisa Ciordia |
-
As mulleres comprometidas, protagonistas centrais no 15 aniversario de Cantos na Maré
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Enredadas, o proxecto conxunto de Uxía, Martirio, Carmen París e Ugia Pedreira, pechará Cantos na Maré
Por Redacción |
-
Cantos na Maré celebra o seu 15 aniversario cunha oferta de bonos a 30 euros
Por Redacción |
-
O Cantos na Maré regresa a Pontevedra do 13 ao 15 de setembro
Por Redacción |