Alfonso Almendros, gañador do V Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, expón no Café Moderno
Por Redacción
O Café Moderno de Pontevedra acolle ata o próximo 28 de setembro a exposición To name a mountain, de Alfonso Almendros, gañadora do V Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, certame organizado polo Festival Outono Fotográfico.
A exposición abriuse ao público este mércores e poderase visitar de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas.
To name a mountain parte da viaxe que emprendeu o paisaxista Albert Bierstadt en 1863 a través das Montañas Rochosas co seu amigo Fitz Hugh Ludlow.
O paisaxista quedou cegado coa vista da descomunal montaña e fixo varios bosquexos que logo convertería en pinturas. Ademais foi tomando notas que despois transformou nun libro no que relatou a dificultade de chegar á cima, comparándoa coa imposibilidade de obter o amor da muller do seu amigo.
Almendros aprópiase da súa historia e imaxes para falarnos da súa propia, a través de pasaxes da historia da fotografía e con recursos plásticos que renden homenaxe ao medio, demostrando a paixón do autor pola fotografía.