Bueu entrega os premios Johán Carballeira
Por Redacción
Este sábado, 17 de agosto, coincidindo co Día da Galiza Mártir, o Concello de Bueu celebrou o acto de entrega dos Premios Johán Carballeira, que tivo lugar na Sala Domínguez Búa. Nel participaron os gañadores do certame este ano, Arancha Nogueira, que resultou premiada na categoría de poesía con "O silencio das gaivotas", e Aser Álvarez, na de xornalismo coa reportaxe "Ferrín e a poesía do circo".
A ourensá Arancha Nogueira fixo fincapé na importancia da convocatoria de premios coma estes que fomentan espazos para a xente máis nova, e lanzou un desexo ao aire: "oxalá que algún día escribir en galego non sexa un acto militante".
Aser Álvarez, quen resultou gañador na categoría de xornalismo cunha reportaxe sobre Xosé Luís Méndez Ferrín, fixo unha mención especial a "Quico Cadaval e o propio Ferrín, pois sen eles non tería xurdido este texto que derruba fronteiras entre xéneros e reivindica ese non lugar, esa fronteira onde acontecen as cousas interesantes da vida".
Este certame naceu nos anos 90 coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira.
Relacionadas:
-
Nieves Neira gaña o XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo coa reportaxe 'A fotógrafa, revelada'
Por Redacción |
-
Máis de setenta traballos optan aos premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo
Por Redacción |
-
Presentan sete traballos ao décimo certame de relatos de muller Matilde Bares
Por Redacción |