A fusión de rock, soul e espectáculo de Broken Peach conquista A Ferrería
Por Redacción & Diego Torrado
A banda sonora das Festas da Peregrina tamén se escoitou este martes na praza da Ferrería. Hora e media antes de que Rozalén conquistase a praza de España, ás 21.00 horas empezaba na Ferrería outra conquista, a do grupo vigués Broken Peach.
O grupo, que se caracteriza por fusionar música e espectáculo, puxo a bailar a nenos e adultos co seu eclecticismo musical, un repertorio que se centra no soul e o rock, pero que tamén fai un repaso a temas de gospel, funk ou pop.
O primeiro que chamou a atención aos asistentes foi a estética dos membros do grupo, moi coidada e uniformada con estilo circense, pero pouco tardaron os Broken Peach en demostrar que son máis que imaxe. Son ritmo, espectáculo e orixinalidade.
O grupo vigués, que este verán xa actuou en Vilagarcía como teloneiros de Bonnie Tyler, demostrou que é máis que unha banda de versións, poñendo o seu toque persoal e moito glamour a cada tema.
A forza das catro voces femininas compleméntase coa música que poñen os músicos que se poñen á fronte de instrumentos como batería, baixo, guitarra e piano e este martes, sobre o escenario, encheron todo de enerxía e ritmo.
A programación musical das Festas d Peregrina continúa este mércores 14 con Shrek, o musical na praza de España e o galego Fredi Leis na praza da Ferrería, ás 22.30 e as 21.00 horas, respectivamente (o horario é igual toda a semana nos dous escenarios).
O xoves 15, a banda sonora poñerana a banda pontevedresa Furious Monkey House na praza da Ferrería e Mitic na praza de España. Neste último, 50 músicos galegos uniranse para reinterpretar música clásica con instrumentación tradicional.
O venres 16 de agosto, os pratos fortes serán Iván Ferreiro na praza de España e Xosé Lois Romero & Aliboria no escenario da Ferrería.
O sábado 17, no escenario da Ferrería soará a Banda Xagai e na praza de España, Beret.
Lola Índigo, artista xurdida de OT 2017, pechará o domingo 18 na praza de España.
Relacionadas:
-
Furius Monkey House xoga na casa e golea
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O concerto de Rozalén, máis inclusivo que nunca: "Todo lo que sea derribar barreras me parece de maravilla"
Por Almu Dapena & Diego Torrado |
-
A voz de Ana Belén dálle 'Vida' á praza de España
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Tequila para abrir a programación musical das Festas da Peregrina
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Manuel Jabois será o pregoeiro das Festas da Peregrina
Por Alejandro Espiño |
-
As 'Peregrinas' completan cartel con Ana Belén, Lola Índigo, Tequila ou Furious Monkey House
Por Alejandro Espiño |