Brais das Hortas volve a Bueu este martes cun novo espectáculo infantil
Por Redacción
Os máis pequenos poderán gozar este martes dunha nova sesión de monicreques organizados polo Concello de Bueu. Brais das Hortas volverá recalar na Praza Massó a partir das 21.00 horas, para presentar "Zona de obras", na que se alternarán os contos cheos de música e ritmo, contos de osos tristes, de extraterrestres que viaxan en caldeiros de fregar e de cans de palleiro que se converten en "superstars".
Narrador, músico e creador de instrumentos de refugallo, Brais das Hortas mistura diversos xéneros coma os contos, a música ou os títeres, cunha posta en escena divertida, participativa e retranqueira.
E o mércores continuará o cinema na rúa coa proxección de "Isla de perros" na Praza Massó. O filme, que se poderá ver ás 22 horas, conta a viaxe dun neno de doce anos que busca ao seu can perdido, nun momento no que todas as mascotas caninas de Megasaki City son exiliadas a unha illa-vertedoiro.