Volven os 'Xoves de Códax': oito artistas galegos, postas de sol e albariño moito albariño
Por Alejandro Espiño
Tralo éxito do pasado verán, chega a segunda edición de Os Xoves de Códax, un ciclo de oito concertos de artistas galegos de renome que permitirán descubrir aos asistentes novas formas de sentir e vivir os viños da adega. Estas tardes de música e viño terán lugar todos os xoves de xullo e agosto na terraza de Bodegas Martín Códax (Vilariño, Cambados) a partir das 20.30 horas.
A terraza desta adega atópase no outeiro de Burgáns, desde a cal divísase o Val do Salnés, así como a Ría de Arousa. ÿ, polo tanto, un enclave privilexiado para divisar as postas de sol estivais. Os asistentes, ademais da música destes artistas, poderán gozar tamén dunha degustación dos viños de Martín Códax.
O calendario de concertos previsto é o seguinte:
- 4 de xullo: Sés e Tito Calviño
- 11 de xulo: Mercedes Peón
- 18 de xullo: Teté Delgado e Martín Esturao
- 1 de agosto: Di Elas
- 8 de agosto: Primordiais
- 15 de agosto: Diego Pacheco e Hugo Chamizo
- 22 de agosto: Sumrrá
- 29 de agosto: Uxía e Joao Afonso
A artista revelación galega, Sés, que repite neste ciclo, presentará o seu novo disco Co xenio destrozado, un traballo producido por ela mesma e feito con orgullo de identidade, frescura e vitalidade. Neste directo contará co seu guitarrista cómplice, Tito Calviño, que xa a acompañou na gravación do seu disco.
As actuacións do mes de xullo completarana Mercedes Peón, que coa variedade das súas composicións que van desde os ritmos máis ancestrais ata temas eclécticos e vibrantes xunto coa enerxía que desprende, fan desta artista unha aposta segura; e Teté Delgado e Martín Esturao, cos que o público poderá gozar da música dos cincuenta interpretada en acústico por estes dous grandes da escena musical.
Di Elas é a banda de power rock composta por Luís Tosar, Piti Sanz, Ivan Laxe, Suxo Alonso e Ro Muñoz. No 2008 todos eles agrúpanse baixo o nome The Elas, interpretando en directo un repertorio con versións de grupos liderados por mulleres, construíndo un son propio que os leva en 2010 a compoñer temas orixinais, agora si tralo nome definitivo Di Elas
Pola súa banda, como Primordiais, os músicos Marcelo González e Luís Martíns ofrecerán un atractivo concerto, novo e motivador co que o espectador redescubrirá a terraza de Bodegas Martín Códax como un espazo para gozar e participar da música e a danza; e o dúo de guitarristas formado por Hugo Chamizo (cantaor) e Diego Pacheco intepretarán diversos temas de artistas da guitarra española, moito deles tan famosos como Triana, Camarón de la Isla ou Paco de Lucía.
As últimas actuacións de Os Xoves de Códax serán as de Sumrrá, que presentarán o seu disco 4.0, unha proposta jazzística con elementos doutros xéneros como o pop, o rock ou o folk; e Uxía, a voz do Atlántico e Joao Afonso, un dos principais cantautores portugueses. Será unha noite máxica na que regalarán ás persoas asistentes unha sesión case fraternal resultado da súa complicidade.
Para poder asistir a Os Xoves de Códax e tendo en conta que o aforo será limitado, é imprescindible reservar praza a través do correo comercial@martincodax.com, do teléfono 986 52 60 40 e do Facebook da Bodega Martín Códax, deixando os datos persoais na aplicación correspondente.