Surf, soul, cabaret e praia no festival 'Trinta', para celebrar o 30 aniversario do Farol
Por Alejandro Espiño
O bar O Farol e a asociación cultural Troula na Banda uniron forzas para organizar Trinta, un festival gratuito co que celebrarán 30 anos de experiencias e anécdotas. O día elixido é o 26 de xullo, o lugar a pista da Banda do Río de Bueu e os grupos que actuarán na festa son Trampoline, El Show de Dodó, Blueperro e Los Tiki Phantoms. A entrada é libre.
"Cando chegan os 30 a algúns se lles empezan a notar as engurras, agrándaselles a fronte ou teñen que facer un buraco novo ao final do cinto", sinalan desde a organización do festival. "Outros, en cambio, montan festivais gratuitos para celebrar a alegría de vivir con calquera que queira pasarse a saudar".
O vixesimoquinto aniversario deste local levou por estes mesmos lares a Nacho Mastretta e a súa banda; a Josele Santiago, o líder de Los Enemigos, ou a Los Coronas. Todos eles artistas cunha cousa en común: ademais de ser músicos de prestixio, son amigos e coñecidos de O Farol que gozan uníndose a esta celebración, o que creou unha atmosfera única que o distinguiu de calquera outro evento ou festival.
Esta mesma filosofía xunta este ano en Trinta a, por exemplo, Trampoline, unha nova banda de indie-folk de guitarras perfecta para ver atardecer, cun proxecto que destila aroma a cabaret antigo, ou El Show de Dodó, composto por catro músicos entre os que superan o milleiro de recitais nun bo puñado de países.
O cartel complétase co soul vigorizador de Blueperro, grupo que se xestou cando os seus membros acompañaban a Buddy Miles, batería de Jimi Hendrix, na súa xira española de 2005, e co surf de alta escola dos icónicos, sempre enmascarados e autores da sintonía da cabecera de Alaska y Mario; Los Tiki Phantoms, que se encargarán de comprobar que as cadeiras están ben engrasadas para bailar como hai que bailar nunha festa que se celebra de lustro en lustro.