Festixeve enche a carballeira de Vilar do Fragoso de xogos, música, empanada e polbo
Por Manu Otero
Santo André de Xeve está de festa. A Asociación Recreativa de Xeve organiza a partir desta noite e ata o domingo a vixésimo cuarta edición do festival Festixeve. Cinco días cargados de exposicións, deportes, xogos, concertos e gastronomía na carballeira de Vilar de Fragoso.
O evento, que foi presentado esta mañá no Concello de Pontevedra, comeza esta noite de mércores cunha carreira de rastrexo na que participarán ao redor de 500 persoas. Para a xornada do xoves está prevista, se as condicións climáticas permíteno, a inauguración da exposición etnográfica de eve e o venres haberá cantos de taberna.
O prato forte do festival chegará o sábado a partir das 21.30 horas co concerto do grupo de acordeonistas Lóstregos da Estrada, a continuación actuará Nao e seguiralle Fillos do Estramonio e un DJ, ademais dun pulpeiro.
"Pode que sexa unha das últimas oportunidades de ver en directo a Nao porque están na súa xira de despedida", dixo a concelleira de Festas, Carme da Silva, que anima a toda a cidadanía a gozar da música de "un dos grupos de referencia de Galicia".
Para despedir o evento, o domingo terá lugar a tradicional comida na que as familias da parroquia reúnense na carballeira para gozar dunha xornada ao aire libre na que non faltarán inchables, sesións de tiro con arco e pola tarde, empanada e rosca gratis para todos os asistentes.
"Contamos con repartir unhas 500 racións de empanada, ata que se acaben", declarou o presidente da asociación organizadora, Florencio Chantrero, quen convida a "pasar por Xeve porque é unha festa moi bonita".
Relacionadas:
-
Volve Festixeve e a súa singular "procesión laica das empanadas e roscas"
Por María José Pita |
-
O Festixeve regresa a Santo André con Sés como gran atractivo musical
Por Redacción |
-
Pontevedra, preparada para tres meses de festa "intensiva"
Por Alejandro Espiño |
-
Chegan as Festas de Verán, tres meses de actividades "case a diario"
Por Alejandro Espiño |