O Memorial Ricardo Portela, un acto de xustiza con Constante Moreda e todos os represaliados do Franquismo
Por Redacción & Diego Torrado
O Memorial Ricardo Portela converteuse esta fin de semana, no seu vixésimo aniversario, nun acto de xustiza co gaiteiro vigués Constante Moreda Vázquez, asasinado en 1936 por defender a súa ideoloxía, e con todas as persoas que foron fusiladas durante a Guerra Civil e a Ditadura de Franco.
O evento celebrouse este venres 12 e este sábado 13 na praza da Ferrería e a Asociación de Gaiteiros Galegos, organizadora dos actos, quixo que servira de homenaxe a este gaiteiro en concreto e, en xeral, a todas as persoas que foron asasinadas, torturadas e desaparecidas.
A homenaxe centrouse en Moreda, de quen Alberte Pires, representante da organización, destaca que "era un grandísimo gaiteiro e un magnífico creador", barbeiro de profesión que formou parte de Queixumes dos Pinos e o cuarteto Airiños de Cabral e en decembro de 1936 foi asasinado no Monte do Castro (Vigo) xunto ao seu pai e o seu irmán.
O seu último concerto fora, precisamente, nunha data moi destacada, o 18 de xullo, día do Golpe de Estado do Xeneral Franco, e tanto a organización do memorial como o Concello de Pontevedra quixeron aproveitar para lembralo a el, a todos os músicos e a todos os cidadáns en xeral que sufriron unha sorte parecida.
O Memorial Ricardo Portela volveu encher de música e tradición o casco histórico. Tanto venres como sábado unha ducia de artesáns de instrumentos tradicionais amosaron o seu traballo na Ferrería e houbo pasarrúas coas agrupacións Axio Mouro, Ghaiteiras d'Arredor, Iván Costa, Os Carunchos, Os Gaiteiros das Rías Baixas, Cantigas e Frores, Lubicáns, Meiró, Os Millarancos e Picuíña.
Se o venres o concerto nocturno o protagonizaron Os Viqueiras, o coro Cantares de Brión foi o protagonista da última actuación, a da noite do sábado, que se aproveitou par esta homenaxe a Constante Moreda. Empezou tarde por mor da choiva e as tormentas que caeran pola tarde en Pontevedra, pero celebrouse finalmente con éxito de público.
A choiva si obrigou na tarde noite deste sábado a cambiar de lugar o concerto das bandas de música de Salcedo e Caldas de Reis previsto para a praza do Teucro. Finalmente, foi na Casa Verde de Salcedo.
Relacionadas:
-
Pontevedra lembra ás vítimas do franquismo no día da exhumación do ditador
Por Manu Otero |
-
Ricardo Portela será nomeado fillo predilecto de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
O Memorial Ricardo Portela homenaxeará ao gaiteiro vigués Constante Moreda Vázquez
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, preparada para tres meses de festa "intensiva"
Por Alejandro Espiño |
-
O Memorial Ricardo Portela recorda a Maruxa das Cortellas, a muller que "facía falar o pandeiro"
Por Redacción & Diego Torrado & Mónica Patxot |
-
Maruxa das Cortellas, primeira muller homenaxeada no Memorial Ricardo Portela
Por Redacción |