O Memorial Ricardo Portela homenaxeará ao gaiteiro vigués Constante Moreda Vázquez
Por Alejandro Espiño
A Ferrería será o escenario, un ano máis, do Memorial Ricardo Portela. O certame, plenamente consolidado nas Festas de Verán de Pontevedra, celebrarase os próximos días 12 e 13 de xullo e, nesta ocasión, chega ao seu vixésimo aniversario.
Con motivo desta conmemoración, a Asociación de Gaiteiros Galegos, colectivo que organiza este memorial, decidiu homenaxear ao vigués Constante Moreda Vázquez, un gaiteiro que sufriu as represalias do franquismo e foi asasinado en 1936 por defender a súa ideoloxía.
"Era un grandísimo gaiteiro e un magnífico creador", destacou Alberte Pires, representante da organización. Formou parte, entre outras agrupacións, de Queixumes dos Pinos e o cuarteto Airiños de Cabral, o primeiro na zona de Vigo que tocou a dúas voces.
En decembro de 1936, este barbeiro de profesión foi asasinado no Monte do Castro (Vigo) xunto ao seu pai e o seu irmán polo exército falanxista. Ademais, dáse a "nefasta curiosidade", apuntou a concelleira de Festas, Carme da Silva, que o seu último concerto foi o 18 de xullo dese ano, xusto o día do golpe de estado das "hordas franquistas".
A organización do Ricardo Portela entende que "lle debíamos unha homenaxe" a todos os músicos que do mesmo xeito que Constante Vázquez, durante esa época escura, foron fusilados por "defender as súas ideas" fronte á "ocupación fascista".
Unha das principais actividades do memorial volverá ser a mostra de artesanía na que participará unha ducia de artesáns de instrumentos tradicionais. Estará aberta de 17.00 a 21.30 horas os dous días e o sábado tamén en horario matinal de 11.30 a 14.00 horas.
Haberá pasarrúas coas agrupacións Axio Mouro, Ghaiteiras d'Arredor, Iván Costa, Os Carunchos e Os Gaiteiros das Rías Baixas (venres, 17.30 horas) e Cantigas e Frores, Lubicáns, Meiró, Os Millarancos e Picuíña (sábado 11.30 horas e 18.00 horas).
Os concertos en horario nocturno correrán a cargo de Os Viqueiras (venres 21.00 horas) e o coro Cantares de Brión (sábado, 21.15 horas). Este último pechará o memorial tras a homenaxe a Constante Moreda Vázquez, que será ás nove da noite.
Relacionadas:
-
O Memorial Ricardo Portela, un acto de xustiza con Constante Moreda e todos os represaliados do Franquismo
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pontevedra, preparada para tres meses de festa "intensiva"
Por Alejandro Espiño |
-
O Memorial Ricardo Portela recorda a Maruxa das Cortellas, a muller que "facía falar o pandeiro"
Por Redacción & Diego Torrado & Mónica Patxot |