A figura do visir Amen-Hotep Huy centrará as VIII Xornadas de Exiptoloxía do Museo
Por Redacción
O Museo de Pontevedra acollerá os vindeiros 18 e 19 de xullo a oitava edición das Xornadas de Exiptoloxía. O programa deste ano estará centrado no proxecto arqueolóxico sobre a figura do visir Amen-Hotep Huy.
As conferencias correrán a cargo dos directores da investigación sobre a necrópole do visir, o exiptólogo Francisco Martín Valentín e a exiptóloga Teresa Bedman.
O proxecto arqueolóxico Visir Amen-Hotep Huy vense desenvolvendo dende o ano 2009 a cargo do Instituto de Estudos do Antigo Exipto, en colaboración coa Universidade de Málaga e o Servizo de Antigüidades de Exipto na necrópole tebana de Asasif, en Luxor.
Trátase dunha grande escavación de máis de mil metros cadrados onde xa se localizaron dúas tumbas cos seus sartegos intactos e as súas correspondentes momias. Tamén se localizaron outras oito tumbas novas nunca antes escavadas nas que xa está a traballar un equipo español con importantes e novos resultados.
Os novos achados serán explicados o vindeiro 18 de xullo ás 19 horas no salón de actos do Sexto Edificio do Museo polo doutor Francisco Martín Valentín, mentres que pola súa banda Teresa Bedman, codirectora proxecto, falará o día 19 (19 horas) da importancia da muller no Antigo Exipto dentro deste contexto funerario.