As festas do verán xa están aquí: 'Sons na Rúa' abre dous meses de festa Non Stop
Por Cristina Saiz & Redacción
A festa xa non parará en Pontevedra ata o próximo 7 de setembro, data prevista para a vixésima edición da Feira Franca. Por diante, hai máis de dous meses de festa intensiva cuxa programación oficial comezou este xoves 4 de xullo da man do ciclo de Música de Bandas.
Como xa é habitual, ' Sons na Rúa' ofrecerá entre xullo e agosto seis concertos da Banda de Música de Pontevedra e da Banda de Música de Salcedo. Nesta edición, o título da actividade é ' Cando as palabras rematan'.
A cita deste xoves, a primeira das Festas de Verán 2019 en Pontevedra, correu a cargo da Banda de Música de Pontevedra e a Banda de Gaitas 'Xarabal'. Celebrouse a partir das 21.00 horas na Praza do Teucro.
Baixo o xa suxestivo títutlo 'Obradoiro de Herdanzas', os solistas Johana Castro, Xiana Teixeiro, Marcos Campos e Carlos Estévez e as dúas bandas ofreceron un completo programa que incluíu as pezas 'Xarabal', 'Xota dos Recadadores', 'TanGalego', 'Cachafondo', 'Noites de Lúa na Praia' (bolero), 'Marcha do San Martiño', 'Rumba para Toñi', 'Crema de Whisky', 'Rumba para Susi' e 'Muiñeira da Cascarexa'.
A próxima cita de 'Sons na Rúa - Cando as Palabras Rematan' será o 18 de xullo ás 21.00 horas, tamén na praza do Teucro. Será un concerto a cargo da Escola de Danza Deborah e Maite Quiñones e a Banda de Música de Pontevedra. O programa pode consultarse aquí.