A Deputación apoia a película "María Solinha" por ser "un investimento e unha inmersión" na cultura da provincia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este xoves a nova película de Ignacio Vilar, "María Solinha", que se gravará integramente na provincia. No acto estivo acompañada do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, do director do filme, Ignacio Vilar, da actriz protagonista, Grial Montes, dos actores Santi Prego e Antonio Durán "Morris", así como representantes da produtora Vía Láctea Filmes e outros participantes no proxecto.
Carmela Silva asegurou que "apoiar proxectos coma este non só é un investimento, senón tamén unha inmersión na cultura da nosa provincia".
O director, que non quixo avanzar moitos detalles sobre o argumento da película, avanzou que, no filme, "a María Solinha do século XVI e a do século XXI foron atacadas polo mesmo dragón". Con dita afirmación, Vilar explicou que o filme recorre á lenda sobre a que se celebra a Festa da Coca, que conta como un dragón que secuestraba mulleres para violalas foi finalmente derrotado polos mariñeiros da contorna.
A rodaxe comezará o 19 de agosto e está previsto que remate o 20 de setembro. Así mesmo, avanzou que enclaves de Cangas, Redondela e da Illa de Toralla serán os escenarios que se poderán ver na película.
A actriz Grial Montes, que interpretará a Soliña, quixo agradecer a oportunidade de poder interpretar "a unha muller que permaneceu oculta e da que non se coñece a súa historia", o actor Santi Prego, destacou a capacidade de inmersión cultural coa que conta este filme e "Morris", mostrouse "encantado de presentar a película en Pontevedra "porque Galicia non só ten profesionales, senón que conta con lugares incribles".
A presidenta da Deputación insistiu en que María Soliña foi "unha desas mulleres ocultadas, silenciadas" polo que recuperar a súa figura e facelo a través do cine "é unha idea marabillosa" na que a Deputación de Pontevedra vai participar porque así "apoia a nosa lingua e apoia o cine en galego" e ademáis xera "moitísimo emprego e atrae turistas".
Finalmente, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, agradeceu a Vilar "o seu compromiso coa lingua galega nos seus filmes".