Non é un festival ao uso. O Surfing the Lérez mantén unha serie de peculiaridades que o fan diferente á prolífica oferta festivalera do verán. Esas características propias coméntanas nas Conversas na Ferrería, organizadores e participantes deste evento.
Son Marcos Rivas e Lúa Sálamo;Diego de la Iglesia, integrante de Thee Blind Crows que forma parte das actuacións previstas para este sábado 22; e Violeta Mosquera e Gonzalo Maceira, do Estudo Bonobo, que para esta ocasión soben ao escenario a máis de douscentos menores.
Este mesmo venres 21 arranca o programa na Illa das Esculturas con Fondo Norte, Selvática, Malkeda e Heredeiros Da Crus. Dous días nos que a Illa da Xunqueira convértese en espazo de convivencia e diversión para todas as idades, para un público absolutamente familiar, que é outra das particularidades do evento que cumpre a súa novena edición.
Tres escenarios aos que soben un bo número de bandas locais; e esta é outra das máximas que pretende a organización, apostar pola música que se fai en Pontevedra. E hai canteira, uns artistas moi prometedores como os que estarán no escenario Bonobo; isto é, 37 bandas con membros, nalgúns casos, desde os catro anos. A estes sumaranse os integrantes da Escola de Rock de Paredes de Coura cos que Bonobo está a desenvolver un proxecto de colaboración.
Ademais de música, como en anos anteriores hai talleres e atraccións para o público infantil, mercadillo e food tracks. Outro dos acenos do Surfing é a gratuidade da entrada que se trata de compensar cunha doazón de alimentos que posteriormente xestiona a Rede Axuda.
Desde a organización inciden no carácter sustentable que tamén se quere consolidar e para iso, no que ao público incumbe, ademais dun comportamento respectable coa contorna, agradécese o consumo de comida e bebida nos emprazamentos que ofrece o propio festival.