Barosa Líquida: arte, música, literatura e gastronomía para comezar o verán con bo pé
Por Alejandro Espiño
Por segundo ano consecutivo, o entorno de Ría Barosa (Barro) acollerá o ciclo Barosa Líquida. Trátase dun proxecto que trata de mesturar diversas artes nun mesmo punto e baixo un mesmo eixe, nas fervenzas e muíños de Barosa. Durante tres fins de semana poderase gozar da arte, a música, a literatura e a gastronomía, con propostas multidisciplinares que farán gozar de seráns memorables e ricos en variedade cultural.
De novo, esta iniciativa artística-cultural está organizada por Cultura Tirante, da man do músico Adrián Silva Magdalena, e Portal 48, un espazo de creación situado en Pontevedra e dirixido por Ana Seoane Suárez e Rocío Gómez Juncal. Ponse en marcha en colaboración co Concello de Barro e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
Entre as actividades programadas no festival Barosa Líquida, unha parte está adicada á arte, que utilizará o seu potencial para interpretar e activar o entorno de Barosa. Quince estudantes e profesores da Facultade de Belas Artes de Pontevedra: Nati Bermejo, Lola Dopico, Silvia Garcia, Portal 48, Maya Kapouski, J.Carlos Meana, Fran Miguens, Yolanda Ríos, Katy Romero, Isabel Rueda, Hugo Aldatz, Fernando Suárez, Adrián Taracido e Manuel Trasancos, levarán a cabo unha serie de proxectos vencellados ao contexto social e natural de Barosa.
As instalacións que se realizan, teñen un carácter efémero e respectuoso co entorno, a súa duración está limitada aos tres fins de semana que duran as actividades, do 23 de xuño ao 7 de xullo. A montaxe distribúese escalonadamente nas tres fins de semana. Posteriormente se realizará unha exposición coa documentación dos proxectos.
Os traballos se teñen realizado tendo en conta o contexto: as características naturais do entorno, que destacan pola súa beleza, o río e a fervenza; a recuperación da memoria do lugar coa restauración de varios muíños abandonados e as actividades de ocio ás que se dedica actualmente o parque: baño, sendeirismo, gastronomía e lecer en xeral. Deste xeito no conxunto de traballos únense a arte, a natureza, a memoria e os aspectos sociais do lugar.
OUTRAS ACTIVIDADES
Ademais destas intervencións artísticas, Barosa Líquida apostará por outras actividades culturais para reforzar o carácter multidisciplinar deste festival. Entre elas, destaca a música con tres concertos do grupo de percusión Perkuka (23 de xuño), As bruxas do noroeste (30 de xuño) e Rastrexos Project (7 de xullo). Os tres comenzarán as 20.30 horas.
A música fusionarase tamén coa literatura. Os escritores Luz Darriba, Carlos Solla, Quico Cadaval e Manuel Lourenzo cederán parte das súas obras nunha iniciativa conxunta cos músicos e compositores Benxa Otero e Adrián Silva, na que se crearán caixas de música únicas. E haberá tamén obradoiros infantís. Bolboretas de Papel ofrecerá talleres gratuítos para nenos, nos que aqueles rapaces que queiran poderán facer as súas propias libretas de apuntes naturais personalizándoas cos materiais que o entorno lles ofrece.
Para completar o festival, o Espazo Gastronatural de Barosa ofrecerá aos asistentes tapas a precios moi populares das que gozar nestes domingos de recreación cultural.