Cooper e Anni B Sweet, cartel de luxo para a cuarta edición de Marín Vivo
Por Redacción
O festival Marín Vivo optou na súa cuarta edición por apostar por dous artistas de recoñecida traxectoria no escenario indie pop español. Trátase de Cooper e Anni B Sweet, que compartirán escenario no parque Eguren o sábado 20 de xullo.
Así o anunciaron os seus organizadores, que ademais destacan que o de Cooper será o seu único concerto en Galicia.
O artista leonés, tras 35 anos de carreira musical, acaba de anunciar a súa próxima retirada. A súa actuación en Marín será unha das últimas oportunidades para gozar en directo da súa música, un enérxico power-pop con letras intensas e moita guitarra.
Xunto a el actuará a andaluza Anni B Sweet, que regresa a Galicia para presentar o seu novo álbum de estudo, Universo por estrenar.
Este disco supón unha ruptura total da artista coa súa traxectoria anterior, xa que aposta por temas cantados integramente en castelán e faino abrazando un pop con toques psicodélicos e retrousos coreables.
A entrada para o festival Marín Vivo é gratuíta.