O Festival Revenidas de Vilaxoán cumpre dez anos coa programación "máis potente" da súa historia
Por Redacción
"ÿ a programación máis potente da nosa historia", din os organizadores do Festival Revenidas 2013. E non é para menos. Por algo este é o décimo aniversario dun evento, que cun espírito modesto, conseguiu colarse entre as principais citas do verán galego. Vinte grupos musicais e dez artistas do circo e de teatro converterán ao pobo mariñeiro de Vilaxoán en toda unha festa durante os días 18, 19 e 20 de xullo.
Será con concertos de pago, actividades de balde para toda a familia, sardiñada popular, postos de artesanía e mostras artísticas que tomarán este pequeno recuncho da Ría de Arousa durante os tres días de festival, no que haberá acampada libre para a xente que queira durmir ao ladiño do mar. O abono dos dous días costa 22 euros e a entrada para o día solto 14 euros. Poden mercarse a través da páxina web do festival e nos postos de venda físicos.
Para celebrar estes 10 anos de esforzo a Asociación A Repichoca, integrada por veciños de Vilaxoán e organizadora do festival, decidiu facer un día máis de festa. "Así que en vez de comezar o venres, farémolo o xoves coas actuacións de Leo i Arremecaghona, Lákazans, Bordeline79 e os gañadores do Concurso de Grupos Noveis", comentou Chito Barreiro da Repichoca. Toda a programación do xoves é gratuíta.
O venres pola tarde, na programación de balde, haberá a actuación dos Click-Clowns e Espíritu Moreno, e pola noite nos concertos de pago poderemos ver aos valencianos Obrint Pas, que farán aquí o seu concerto de despedida, e as bandas galegas Fura Fura, Ulträqäns, Zënzar, Ruxe Ruxe, Najla Shami e Arrhythmia.
O sábado terá lugar como todos os anos, a sardiñada popular que congrega ao redor do parque de Vilaxoán a miles de persoas para compartir comida, bebida e gozar das actuacións, ao tempo que contribúen co seu consumo o financiamento dun festival "que non busca lucrarse, senón que só pretende ser sostible".
Os Terribles de Arousa e Trópico de Grelos amenizarán a sobremesa, xunto as actuacións de contacontos, teatro, pallasos e maxia. Rematarán a tarde coa Gala de Circo solidaria co Sáhara (Circo Chosco, Kanbahiota, Mentaline, Mago Teto, Madre Merino e Peter Punk) e o concerto de Narf. Pola noite, nos concertos de pago actuarán os vascos Fermín Muguruza e Zuloak, e os galegos Os Diplomáticos de Monte Alto, A Compañía do Ruido, O Caimán de Río Tea e Martelo.
O venres e o sábado rematarán cos picadiscos Di Pimp e D Selectors.
PROMOCION DO TALENTO LOCAL
Entre as iniciativas que buscan promover o talento local, convidarase a artistas locais a que decoren os dez modelos de Sardiña Revenida que acompañaron as camisolas do festival durante toda a súa historia. Unha vez rematado o "tuneado" das sardiñas serán distribuídas por Vilagarcía, Carril e Vilaxoán para chamar á atención do público. A semana do Revenidas serán expostas no parque da vila, na súa particular Sardiña Parade.
Ademais, graffiteros pintarán as vallas que pechan o recinto da sardiñada para que todos poidamos gozar do talento artístico máis urbano, e decorarán de forma permanente a praza de abastos da vila. E celebrarase o Concurso de Grupos Noveis para o que xa se presentaron 21 grupos e no que o público escollerá a través das redes sociais o seu favorito. O gañador terá a oportunidade de actuar no festival co resto das bandas xa consolidadas.