Conclúe "Sete Falares", catro días de intercambio de vivencias e historias
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
Este domingo pechou a oitava edición do Encontro Internacional de Contadores de Historias "Sete Falares".
Un ano máis o público gozou do oralidade coas propostas que achegaron contadores do país e doutros puntos, que en Pontevedra contaron no seu idioma a súa historia e forma de ver o mundo e romper a visión eurocentrista.
A representación internacional da outra beira do Atlántico correu a cargo de Tâmara Bezerra (Brasil): narradora, escoitadora e inventora de historias que destaca por transmitir a narración oral do Brasil e ser formadora neste ámbito, Ángela Arboleda (Ecuador): cun postgrado en Xestión Cultural obtido en España, é, na actualidade, a directora de Corporación Cultural Imaginario coa que organizaba o Encuentro Internacional de Narradores Orales "Un Cerro de Cuentos" que se realizou en Ecuador durante dez anos, e o de narradores infantís "Un Cerrito de Cuentos" e Carolina Rueda (Colombia): como xestora e programadora, foi coordinadora desde 1990 ata o 2012, da mostra de narradores (nacional e internacional) do Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá e destaca pola súa labor impartindo obradoiros de narración oral.
Os representantes de Galicia foron Xurxo Souto: coñecido polo movemento Bravú, a pertenza a "Os Diplomáticos de Monte Alto" e os programas radiofónicos con historias sobre o mar que non poden faltar neste encontro, Cándido Pazó: autor e director teatral, gran narrador que regresou aos Sete Falares logo de formar parte da primeira edición en 2012 e "Pavís Pavós" cunha traxectoria como narradores orais de 22 anos, que teñen participado en números encontros de contadores de historias e levan a cabo proxectos como "A hora do conto" no concello de Pontevedra.
A clausura foi ás 21.00 no Teatro Principal de Pontevedra cunha "Rolda de narradores", coas historias de Tâmara Bezerra, Ángela Arboleda, Carolina Rueda, Xurxo Souto, Cándido Pazó e Pavís Pavós.