Sol e color, no tradicional Día da Muiñeira
Por Redacción & Mónica Patxot
Con 30 graos de temperatura e un sol impenitente Pontevedra celebrou este venres o tradicional Día da Muiñeira. Este evento, organizado pola asociación Dúos Pontes, tivo unha gran afluencia de público que premiou co seu aplauso as exhibicións dos distintos grupos.
Unha gran festa cargada de colorido e de música folclórica que encheu as rúas da zona monumental de cativada e xente moza vestidos cos traxes tradicionais nun vistoso desfile que partiu da Praza do Teucro ata a Avenida de Montero Ríos, onde se desenvolveu a demostración do baile en grupos, segundo as súas idades.
Participaron un total de 21 agrupacións. Así, xunto a Dúos Pontes participaron a escola de muiñeira Celme, a escola de baile de Gaiteiros Rías Baixas, o colexio Os Salgueiros, a escola infantil Bamby e a asociación cultural Veira do Río (Pontevedra); a asociación cultural Seixebra (Moraña), a asociación folclórica Recordos da Nosa Terra (Bueu), Os Trazantes de Tenorio ou a asociación cultural Soalleira (Sanxenxo).
O colexio Manuel Cordo Boullosa (Ponte Caldelas), o grupo de baile Os Borrateiros (Vilaboa), as asociacións culturais Miúdos (Arcade), Tamparrantán (A Estrada) e Os Penediños (O Porriño), o grupo Tralovalo (Moreira), o grupo de danzas Pai de San Roque e Faldriqueiras de Rodeira (Cangas) ou as agrupacións folclóricas Vides Novas (Poio), O Trevo (Meis) e Castromao (Mondariz). O grupo de música e baile tradicional Traspés de Vigo foi o convidado especial que actuou ao terminar como fin de festa desta celebración.
A música correu a cargo dos gaiteiros de Dúos Pontes que interpretaron a Muiñeira Mariñán, para os menores de 8 anos; a Muiñeira de Fozara, para os participantes de entre 8 e 13 anos; e a Muiñeira de Lougares, para os maiores de 13 anos.
Para finalizar interpretouse a Xota Roubada e o Pasodobre de Mallou no que todos os participantes e o público en xeral participaron do fin de festa do XLVIII Día dá Muiñeira.