A praza de España acolle este sábado a máis de 40 artistas na primeira Festa Xitana de Galicia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Flamenco, fusión, canto e baile relacionado con este xénero procedente de Andalucía van darse cita este sábado 1 de xuño a partir das 19.30 horas na praza de España na primeira Festa Xitana de Galicia, un evento que acollerá a máis de 40 artistas no escenario que se instalará para acoller a algúns dos artistas máis representativos deste estilo musical.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, acompañada pola organnizadora Rosa Bugallo e polo percusionista Moisés Fernández, presentaban esta festa á que está previsto que acudan integrantes da comunidade xitana de toda Galicia, ademais de centos de seguidores que descubriron as combinacións do flamenco grazas ao fenómeno Rosalía.
Moisés Fernández explica que os músicos xitanos están descubrindo que cada vez atraen a un público máis novo grazas ao éxito da creadora de 'Malamente'. Precisamente na Festa Xitana en Pontevedra actuará José Fernández "El Tobalo", que foi percusionista da cantante barcelonesa.
Xunto a "El Tobalo", ao escenario pontevedrés van subir artistas da categoría de Antonio Sánchez, que acompañaba a Paco de Lucía nas súas actuacións; Juan José Suárez "El Paquete", guitarrista que toca con Estrella Morente, Rubio de Pruna, cantaor que segue a estela de Camarón de la Isla e que actualmente traballa coa compañía de Sara Baras; Mari Ángeles Fernández, artista filla de Tomatito e integrante da súa compañía; e Noemí Ferrer, unha moza bailaora que é todo un terremoto nas súas actuacións.
Ademais, dúas bandas van formarse para esta gran festa: 'Novo Flamenco', formada por Tacón gitano e o grupo pontevedrés Los Potros, e tamén 'A banda de Tarara'. Ademais, o espectáculo contará con Petitet & La Súa Orquesta Sinfónica, unha formación que combina a músicos de partitura con outros que basean as súas melodías na improvisación, segundo explicaba Rosa Bugallo.
A organizadora do evento sinalou que leva 12 anos intentando realizar esta primeira Festa Xitana de Galicia e que se atopou con Concellos que se negaron a facela e que mesmo houbo "canchondeo" ante a proposta. Neste sentido, subliñou o dereito que ten esta cultura a desenvolver a súa propia festa.
Dentro da combinación de culturas, o cartel recolle a imaxe da bandeira xitana cun pequeno lagarto para facer referencia á muller de La Tarara, do poema de Lorca, coa Carolina da cultura galega.
Nesta festa de fusión destinada a todas as comunidades xitanas e ao público que goce da boa música haberá tamén oportunidade de degustar produtos típicos de Galicia grazas á presenza dunha polbeira e Food Tracks para que os asistentes coman e beban mentres o flamenco se espalla polo recinto.