40 alumnos do Seminario Permanente de Jazz ofrecen un concerto con sabor a éxito
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Son de aquí, son bos e teñen denominación de orixe, son os músicos que pasan polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra que dirixe Luis Carballo. Unha vez máis os seus acordes quedaron gravados nun disco realizado baixo a supervisión de dous dos seus mestres e músicos de recoñecido prestixio, Abe Rábade e Paco Charlín.
Pero a maxia do Jazz encóntrase en vivo e así o Teatro Principal acolleu o concerto dos combos dos alumnos que pasaron polo Seminario no seu duodécimo aniversario. Un total de 40 músicos de calidade contrastada e que se suman ao medio millar que xa pasou por estas clases que se converteron en todo un referente para os especialistas neste estilo musical. Nomes como os de Yago Vázquez, Xan Campos ou Iago Fernández afianzaron as súas carreiras artísticas, nalgúns casos acompañando algúns dos mellores músicos do jazz a nivel mundial.
O método de formación céntrase na interpretación en conxunto e, ata o momento, confírmase que os resultados son moi positivos ofrecendo a posibilidade de que os músicos interactuar e combinen as súas diferentes fórmulas de entender o jazz. Este estilo de ensino foi empregado por outras escolas formativas.