A Banda de Música de Salcedo lembra a Fernández Sieira no concerto do Día das Letras Galegas
Por Diego Torrado & Redacción
A Banda de Música de Salcedo (BMS) celebraba este venres 17 cun concerto no Pazo da Cultura a festividade do Día das Letras Galegas. Numeroso público asistía a esta nova cita coa agrupación musical.
Nesta ocasión, baixo a dirección de Marcel van Bree, a Banda contou coa colaboración do gaiteiro José Manuel López "Josele" e coa voz de Javier Simal García.
Ademais, o evento serviu para levar a cabo a presentación oficial dos novos compoñentes da BMS. Trátase de novos intérpretes que proceden da Escola de Música de Salcedo e da Banda Xuvenil da parroquia, que debutaban coa formación titular.
O concerto, ademais de ser unha homenaxe á figura de Antón Fraguas, dedicábase á memoria do recentemente falecido José Luis Fernández Sieira, un pontevedrés fundamental durante as últimas décadas na promoción cultural e musical na cidade.