Emotiva homenaxe en Marcón a Isaac Díaz Pardo coa presenza do escritor Neira Vilas
Por Anxo Lourido
Decenas de persoas abarrotaban o ximnasio do Colexio público de Tomeza-Marcón. Non era para menos. Xosé Neira Vilas, o autor de Memorias dun neno labrego encontrábase no centro para apadriñar a obra de Loli Beloso, a escritora que publicou Isaac Díaz Pardo para as nenas e nenos galegos, un traballo que trata de mostrar o importante labor emprendedor, cultural e humano que o ilustre galeguista difundiu durante toda a súa vida.
No acto encontrábanse a viúva de Díaz Pardo, Carmen Arias "Mimina" que recibiu un ramo de flores dun grupo de escolares do centro, ademais dos fillos do creador galego.
Xosé Neira Vilas dirixiuse ao público asistente sinalando que "Isaac era un home do Renacemento, artista, arquitecto, enxeñeiro, escritor, poeta... e sabio. Un gran traballador". Pero sobre todo, o escritor de Vila de Cruces destacou o carácter humilde de Díaz Pardo, "o sempre dicía que non sabía nada" e o que lle tivese gustado ver como os nenos eran protagonistas dun acto como o que se celebraba neste centro escolar. "Gustaba dous nenos porque son ou futuro", dixo Neira Vilas sobre o que fora director da fábrica de Sargadelos e relatou algunhas das súas experiencias xunto ao desaparecido autor.
Loli Beloso, autora do libro, tras a lectura duns poemas, explicou os motivos que lle levaron a escribir esta obra dirixida aos máis peqeuños que foi editado por Finis Terrae. Parte do que se recade coa venda dos exemplares será destinada á investigación para a loita contra o cancro.
O acto contou cunha actuación do cuarteto Diim Quartet formado por alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra que, entre outras pezas, interpretou Negra Sombra. A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, tamén estivo presente nesta homenaxe a Díaz Pardo.