PortAmérica, tres días "para ser felices" cunha combinación "única" de música, gastronomía e natureza
Por Alejandro Espiño
Non hai outro festival como PortAmérica. Diso non hai dúbida. Vai moito máis alá da música e, un ano máis, reivindícase como unha proposta que "tende lazos de unión" entre Europa e Latinoamérica. Iso si, lonxe de durmirse nos loureiros, a súa oitava edición chega chea de novidades. O único que non cambia, o seu espírito e o seu escenario: a carballeira de Caldas de Reis.
Por terceiro ano consecutivo, este municipio pontevedrés acollerá un festival que aúna á perfección música, gastronomía e natureza. Será os días 4, 5 e 6 de xullo e estímase que acudirán máis de 20.000 persoas.
"É un festival que hai que vivir. Se non é así, te falta algo importante na vida", sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que destacou que PortAmérica é unha "referencia" a nivel mundial, un festival no que "escoitas música, vives a cultura e disfrutas dunha gastronomía top elaborada cos mellores produtos do mundo".
Como sempre, a música será a gran protagonista de PortAmérica. Máis dunha trintena de bandas e artistas de ambas as beiras do Atlántico presentarán en directo os seus novos traballos discográficos. E este ano, ademais, cunha ampla presenza feminina.
Xoves 4: Rozalén, Carlos Sadness, La Casa Azul, Zahara, Morgan, Elefantes, Combo Viramundo, Miss Bolivia, We Are Not DJ e Berta Franklin.
Venres 5: Madness, Amaia, Monsieur Periné, Vega, Carolina Durante, Trending Tropics, Él Mató a un Policía Motorizado, Cuarteto de Nos, Santiago Araújo, Nixos, Anarchicks, Tropical Minds e Natalia Ferviú DJ.
Sábado 6: Andrés Calamaro, Depedro, Mon Laferte, Sidecars, Los Espíritus, Cumbia All Stars, Pablo lesuit, Presumido, Cándida e El Lado Oscuro de la Broca.
Os organizadores adiantaron que aínda queda algunha que outra sorpresa por desvelar, que coñecerá nas próximas semanas.
Unha das grandes novidades de PortAmérica 2019 será que se ampliará o recinto do festival en máis de 4.000 metros cadrados, o que permitirá aos asistentes gozar holgadamente da oferta musical e gastronómica que, de novo, contará co Show Rocking dirixido por Pepe Solla como gran atractivo.
Máis de trinta chefs internacionais farán gozar ao público con petiscos creados para o festival. "Son xa oito anos e cada ano é un reto tentar que o cartel siga crecendo", explicou Solla, que lembrou que esta iniciativa naceu "para que o público se achegase aos cociñeiros" e agora "somos nós os que gozamos de estar coa xente".
Andoni Luis Aduriz (Mugaritz), Diego Guerrero (DSTAgE), Josean Alija (Nerua), Kiko Moya (L’escaleta), Maca de Castro, Roberto Ruiz (Punto Mx), Begoña Rodrigo (La Saleta), Yolanda León e Juanjo Pérez (Cocinandos), Aizpea Oihaneder e Xabier Diez (Xarma), Xanti Elías (Acánthum), Javi Estévez (La Tasquería) ou Gonzalo García (Nakeima) estarán en PortAmérica.
Esta oferta gastronómica contará tamén cos portugueses Estanis Carenzo (A Casa dos Prazeres) y Vasco Coelho (Eskalduna Sudio), os mexicanos Edgar Núñez (Sud 777) e Fabián Delgado (PalReal), o peruano Christian Bravo (Bravo Restobar) ou o colombiano Nicolás López (Villanos en Bermudas).
Nagore Irazuegi e Rodrigo García (Arima), Manuel Núñez (Arume), Fernanda Fuentes y Andrea Bernardi (Nub), Laura López e José Fuentes (Kulto) e os galegos Pablo Pizarro (Bocanegra), Diego López (La Molinera), Iago Pazos (Abastos 2.0) e David Abalo (La Radio) completan a ambiciosa nómina de cociñeiros do Show Rocking.
PortAmérica, que xerou un impacto económico de 1.7 millóns de euros na súa última edición, completa o seu festival cunha ampla zona de acampada, cun mercado para deseñadores e creadores galegos e cunha renovada aposta pola sustentabilidade ambiental.
Os abonos para o festival teñen un prezo de 50 euros máis gastos de distribución e as entradas por día, que teñen un custo de 25 euros, tamén están xa á venda.
Relacionadas:
-
Case 30.000 persoas gozaron en Caldas da oitava edición de PortAmérica
Por Alejandro Espiño |
-
Os 'portamericanos' vibran, un ano mais, na carballeira de Caldas
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Sete Festivais Rías Baixas pensados para gozar "da mellor música, nos mellores espazos e coa mellor xente"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Amaia Romero, de 'OT' ao festival PortAmérica
Por Alejandro Espiño |
-
Andrés Calamaro, os británicos Madness, Depedro, Carlos Sadness e Sidecars, ao PortAmérica 2019
Por Alejandro Espiño |
-
As mulleres, ao mando dun PortAmérica 2019 que reivindica o seu espíritu feminista
Por Alejandro Espiño |