Daniel Domínguez Rivas presenta no Museo Manuel Torres pinturas de Marín na lembranza
Por Redacción
Imaxes sobre lugares que se manteñen na memoria dos marinenses centran a exposición que Daniel Domínguez Rivas inaugura este xoves 16 de maio no Museo Manuel Torres de Marín a partir das 19.00 horas.
O pintor naceu na vila marinense en 1967 e comezou a realizar mostras pictóricas en 1978 cunha primeira exposición no Ateneo Santa Cecilia para despois presentar as súas obras en diferentes cidades de Galicia a través dunha exposición itinerante en colaboración con outros artistas de Marín.
Daniel Domínguez obtivo o segundo premio de pintura de Valga no ano 2009 e, entre outros lugares, mostrou as súas coleccións en Pontevedra, Santiago de Compostela, Marín e Bueu. As súas obras son realistas, inspiradas en paisaxes galegas e, preferentemente, emprega a técnica do óleo con espátula.
A exposición no Museo Manuel Torres poderá visitarse ata o 31 de maio.