Javier Gutiérrez e Cristina Castaño inauguran a tempada de teatro no Pazo da Cultura
Por Diego Torrado
Os actores Javier Gutiérrez e Cristina Castaño inauguraron este venres co espectáculo ¿Quién es el Sr. Schmitt? a tempada de teatro no Pazo da Cultura.
A programación, composta por sete espectáculos que terán entre maio e novembro de 2019, achega o mellor do panorama das artes escénicas a nivel estatal mediante a participación no programa INAEM - Platea, que facilita tamén que espectáculos do país xiren por toda a península.
O público que se achegou este venres ao Pazo para ver esta peza de Sébastien Thiéry, dirixida por Sergio Peris-Mencheta, puido coñecer a historia do señor e o señora Carneiro que cean tranquilamente na súa casa, cando de súpeto soa o teléfono. Pero os Carneiro non teñen teléfono.
O misterioso interlocutor insiste en falar cun tal señor Schmitt...E o que é máis estraño aínda, os Carneiro descobren que están encerrados no interior dunha casa que non parece a súa casa: os cadros cambiaron, os libros non son os seus libros, a roupa dos seus armarios non lles pertence... O pánico apodérase de todo. O pesadelo non fixo máis que comezar.
Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Armando Buika, Xabier Murúa e Quique Fernández conformaron o reparto desta comedia.
A tempada de teatro reanudará a súa actividade a partir do 27 de setembro con cinco pezas teatrais e un único espectáculo de danza.