45 novos artistas expoñen o resultado da súa formación universitaria
Por Redacción
O Pazo da Cultura acolle dende este venres ata o 1 de setembro a mostra Do final e do comezo, unha recompilación dos traballos de 45 titulados da facultade de Belas Artes de Pontevedra coa que se trata de que se enfronten á oportunidade de traballar nun espazo profesional, de confrontar aqueles proxectos que foron proxectados na contorna académica.
"Do final e do comezo trata de ofrecer esa posibilidade de pensar o tránsito entre o mundo académico e profesional, un tránsito que non debería verse coma un abismo senón como a oportunidade de demostrar as competencias que se adquiriron durante o proceso que vivimos na carreira, un proceso no que un aprende coa axuda dos profesores, dos compañeiros, do contexto e dos retos intelectuais que cada un se impón", explica a comisaria da exposición e vicedecana do centro, Silvia García.
Nesta mostra colectiva conviven pinturas, instalacións, esculturas, proxectos de deseño, libros de artista e pezas interactivas e, segundo a comisaria, "nelas vese a pluralidade que enriquece a facultade e que permite así mesmo que imaxinemos un futuro plural".
Esta pluralidade tamén se reflicte na convivencia entre obras de orixes heterodoxas, obras lentas e de difícil incubación, con outras que naceron do intercambio e as viaxes, o traballo no estudo ou ata ocorrencias que tiveron que cristalizar mediante a manipulación dos materiais e as ideas. Así, Silvia García destaca que "a exposición ofrece múltiples lecturas e itinerarios, propón unha lectura aberta aos visitantes que prescindan da mirada apresurada para afondar nas obras que lle seduzan, que lle propoñan novas lecturas da nosa realidade".
Esta mostra ofrécelles aos titulados a oportunidade de traballar nun contexto profesional, o que supón "unha fermosa oportunidade" na que hai que tomar decisións, adaptarse ás limitacións, e transformar nalgúns casos o proxecto artístico "tomando coma un reto o espazo arquitectónico, a altura das paredes, a luz que entra por enormes cristaleiras, ou o contaxio e as novas lecturas que se establecen coa convivencia coas outras obras", indica a comisaria.
Do final e do comezo poderase visitar de martes a venres de 17.00 a 21.00 horas; os sábados de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas e os domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas.
Nesta exposición presentan os seus traballos Tamara Alonso, Ana Aguín, Laura A. Conde, Roberto A. Gregores, Iria Araújo, Laura Bandín, Leticia Barreiro, Cristina Basanta, Míriam Benítez, Teresa Bua, Carla Mª Cabaleiro, Miriam Cabano, Ruben Calles, Claudia Cid, Ana B Collazo, Iria Cortizo, Dana Díaz, Sabela Díaz, Telmo Domínguez, Rodrigo Domínguez, Laura Fabeiro, Pedro Ferreras, Lis Mª García, Rocío G. Ledo, Leticia G. Aguado, Esperanza González, Ana G. Lago, Jesús G. Manso, Julia Huete, Saleta Páramo, Arantza Pardo, Eila Rial, Sandra Revuelto, Yolanda Ríos, Asunta Riotorto , Xosé Teiga, Eva Rivas, Carla Rodriguez, Blanca R. Millán, Marlen Vanesa R. Romero, Jacobo Ruibal, Lara Torres e Águeda Villa.