Unha mostra reunirá no Museo as pezas máis senlleiras de Seoane
Por Redacción
Unha combinación de lenzos, gravados, material bibliográfico, debuxos e cerámica conformará a mostra "Celebrando a Seoane", que poderá verse desde o vindeiro xoves ata o 23 de xuño no Sexto Edificio.
Trátase dunha das accións programadas polo Museo de Pontevedra para celebrar o Día das Artes Galegas, dedicado este ano a Luís Seoane, e que estará complementada por visitas guiadas e obradoiros dirixidos ao público infantil.
Con esta iniciativa preténdese facer fincapé nas diferentes facetas do artista, ademais de ofrecer unha visión completa e cronolóxica da súa evolución como pintor, debuxante, gravador, ceramista, deseñador e humanista.
Luís Seoane López, nado en Buenos Aires no ano 1910 e fillo de emigrantes, é un dos galegos máis importantes do pasado século XX. De feito, dedicóuselle o Día das Letras Galegas do ano 1994 pola súa grande pegada e legado artístico-cultural, que abrangue obra escrita e plástica.