DinamizaPoio iniciará o 13 de maio a promoción da lingua galega a través da música
Por Redacción
A concellería de Cultura e Festexos de Poio pon en marcha o programa integral de dinamización socio-lingüística DinamizaPoio. Neste mes de maio van desenvolverse as propostas centrais da terceira edición deste proxecto coa idea de fomentar a diversidade cultural galega a través da música tradicional promovendo o fomento do uso da lingua.
As actividades iniciaranse o luns 13 de maio coas sesións lixeiras na aula, no IES de Poio. Esta actividade vai destinada a público xuvenil cunha sesión musical teórico-práctica. Adaptarase a actividade aos colectivos locais con coñecemento previo en percusión tradicional, Masterclass Pandereta na man! Trátase dunha proposta que combina a música electrónica e a tradicional.
O público familiar contará con Obradoiros Sonoros en horario non lectivo, os sábados e os domingos ao longo do vindeiro mes. Todas as actividades serán impartidas polos músicos Marcelo Dobode e Adrián Saavedra.
Esta programación inclúese na celebración do Día das letras Galegas que presentará novidades con respecto a anos anteriores, pero mantendo neste calendario citas como a entrega de premios do Concurso Literario Xaime Illa, a Carreira Popular e o teatro. Toda a programación vai subirse á páxina web do Concello de Poio.
O proxecto está subvencionado pola Deputación de Pontevedra. O importe total sitúase en 8.505 euros, cunha aportación da entidade provincial de 6.378 euros.