Bonnie Tyler dará en Vilagarcía o seu único concerto en España
Por Redacción
A de Bonnie Tyler é, sen dúbida, unha das voces máis inconfundibles da música internacional. E pronto poderemos escoitala moi preto, en Vilagarcía de Arousa.
A mítica cantante galesa celebra cincuenta anos sobre os escenarios. Faino cunha xira por todo o mundo que terá na capital arousá a súa única cita en España.
Será o xoves 18 de xullo na Praza da II República. As entradas, que teñen un prezo inicial de 20 euros, poñeranse á venda o próximo 8 de maio na plataforma Ataquilla.com.
A velada tamén contará coa actuación da cantante e violinista viguesa Patricia Moon e unha sesión musical a cargo de DJ Little Pi.
Co seu novo disco, Between The Earth And The Stars, e esta xira aniversario, Bonnie Tyler volveu á primeira liña da actualidade musical. O público poderá ver a unha artista en pleno esplendor e gozar de tanto das súas novas cancións como dos seus grandes éxitos.
Sobre o seu novo disco, a autora de éxitos que xa forman parte da historia musical do século XX como It's a heartache ou Total eclipse of the heart, dixo que "sabía que para cumprir cincuenta anos de traxectoria musical tiña que entregar algo realmente especial. E fixen xusto iso! O novo material soa incrible".
Nel, Bonnie Tyler conta coas colaboracións doutras lendas musicais como Rod Stewart, Cliff Richard, Barry Gibb (Bee Gees) e Francis Rossi (Status Quo), pero tamén de compositores actuais que, entre outros, traballaron con artistas como Ed Sheeran, Camila Cabello e outros grandes artistas internacionais.