Fusión con Gharbo!
Por Anxo Lourido
O Centro Coreográfico Galego (CCG) e a compañía de danza CONTRA 2 presentan no Teatro Principal ás nove da noite do sábado 20 a súa nova produción: Gharbo!
Trátase dunha fusión entre a música e a danza tradicional coas novas formas musicias e de movemento máis experimentais. No elenco destacan profesionais da música tradicional da altura de Suso Vaamonde, Xosé Lois Romero, Ricardo Rozas e Nelson Quinteiro, así coma bailaríns da traxectoria de Pastor Rodríguez Feal e Iván Villar.
O proxecto supón unha nova proposta de produción ao tratarse dunha montaxe que no apoio institucional só conta co asesoramento técnico e artístico, así como a cesión de músicos, técnicos e xastras da propia axencia.
O espectáculo ofrece unha potente banda sonora composta por temas tradicionais (xotas, maneos, muiñeiras, pasodobles, alalás ou tangos) que falan do mar, das tarefas do agro, de emigración, e que están arranxadas cun particular estilo e formación.
O prezo das entradas é de 8 ou de 5 para menores, estudantes, parados e xubilados. As entradas poden adquirirse na billeteira do Teatro Principal unha hora antes do comezo da función.