A exposición máis ambiciosa do arquivo municipal retratará a Pontevedra de 1930 a 1940
Por Redacción
O Arquivo Municipal de Pontevedra promove a partir deste martes 30 de abril una das exposicións máis grandes e ambiciosas de todas as que promoveron nas dúas décadas que levan impulsando este tipo de mostras. 'Entre dúas augas. Pontevedra 1930-1940' será a décima e centrarase en retratar a historia do municipio no período comprendido entre a proclamación da Segunda República e o fin da Guerra Civil.
'Entre dúas augas. Pontevedra 1930-1940' é o título elixido para esta exposición, en referencia ás dúas referencias históricas tan diferenciadas ás que se refire. Todas as persoas interesadas en coñecer máis ao detalle este período da historia pontevedresa poderán facelo no Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas deste martes 30 -momento da inauguración- e o día 7 de xullo.
O director do Arquivo Municipal de Pontevedra, Enrique Sotelo Resurrección, explicou que é resultado do traballo e dos fondos da institución que dirixe e tamén da colaboración con Liño Pazos, Roberto Taboada e diverso persoal do Concello de Pontevedra. Para presentalo, rodeouse este luns de ambos e da concelleira de Cultura, Carmen Fouces.
Esta exposición é o resultado de 16 meses de traballo e supoñerá expoñer 360 elementos, entre documentos e obxectos, entre os que destacan, por exemplo, o libro do actas do ano 1931 coa toma de posesión da primeira Corporación municipal de Pontevedra da Segunda República.
"É a máis grande do arquivo, seguramente", indicou Sotelo, que indica que as persoas que queiran gozar desta exposición con detemento deberán destinar varias horas. Poderán ver textos, gráficos, planos, folletos, medallas de lso bandos nacional e republicano, "cousas que nunca se viron" en Pontevedra en referencia a este período histórico.
Enrique Sotelo explicou que pediu a colaboración do investigador, coleccionista e ex concelleiro socialista de Pontevedra Roberto Taboada e de Liño Pazos tras constatar que cos fondos documentais do Arquivo Municipal non era suficiente para retratar toda esa década. Mergullaron en centos e centos de documento e "polo camiño démonos conta de que non chegaba". ,
A exposición, que está adicada ao historiador pontevedrés Juan Juega Puig -falecido o ano pasado-, ten os seguintes apartados: política e eleccións; golpe de Estado e guerra, vida cultural, deportiva e relixiosa; comercio, anuncios e facturas; persoeiros e acontecementos; propaganda republicana e franquista; moeda, bancos, letras de cambio; o Goberno da cidade; e sanidade.