Pontevedra volve vivir 'A Paixón de Cristo' da man do grupo de teatro Arume
Por Redacción & Diego Torrado
Os sucesos protagonizados por Xesucristo entre a última cea e a súa crucifixión e morte, a coñecida como Paixón de Cristo, volveron recrearse este sábado no Teatro Principal de Pontevedra na que é unha cita xa case tradicional na Semana Santa pontevedresa: a representación do grupo de teatro Arume.
A obra 'A Paixón de Cristo' leva décadas representándose en Pontevedra, sempre a cargo do grupo que dirixe Juan García, e nos últimos tempos con problemas frecuentes para atopar voluntarios para participar nunha peza coral.
A representación forma parte dos actos da Semana Santa, que este Domingo de Pascua terá como cita principal a procesión do Encontro de Jesús Resucitado coa súa nai a Virxe María, coa que as celebracións da Semana Santa pontevedresa chegan ao seu fin.
A imaxe da nosa Señora do Amor Fermoso, acompañada da súa Confraría e representacións, sae da Parroquia de San José ás 20.00 horas deste domingo percorrendo a palza a Constitución, praza de Galicia, Andrés Muruais, Peregrina e praza da Ferrería.
A imaxe de Jesús Resucitado, acompañada da Confraría da Vera Cruz, sae á mesma hora de San Bartolomé, percorrendo Sarmiento, Pasantería e Paseo Antonio Odriozola.
As imaxes de San Juan e María Magdalena, acompañadas da Confraría da Maior Dor e a Banda da Confraría do Espírito Santo, saen da Basílica de Santa María percorrendo a avenida de Santa María, praza de España, Michelena e praza da Ferrería.
Finamente, todas atópanse na praza da Ferrería, con sermón e interpretación do Stabat Mater e Aleluia a cargo do Coro de Ex-Cantores dos institutos de Pontevedra. Finalizado o mesmo, formarase unha única Procesión que se retirará cara á parroquia de San José.