Enric Montefusco encabezará as actuacións do FICBUEU 2019
Por Redacción
O artista barcelonés Enric Montefusco encabezará as actuacións musicais do 12º Festival internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá do 6 ao 14 de setembro.
O concerto terá lugar o sábado día 7 no Centro Social do Mar, onde este referente da escena alternativa presentará entre outros os temas do seu segundo disco en solitario, Diagonal, que saíu á rúa a pasada fin de semana. As entradas para a actuación poranse á venda o vindeiro 15 de xuño na web www.ficbueu.com
Enric Montefusco leva vinte anos sobre os escenarios, nos que a súa busca de novos formatos e métodos de expresión identifícano coma un dos músicos máis creativos, arriscados e inclasificables do panorama estatal, un artista libérrimo que non coñece fronteiras. Pero se algo ten caracterizado a súa traxectoria, e polo que foi aclamado por unanimidade, é a calidade e potencia dos seus directos, da cal poderá gozar o público no FICBUEU 2019.
Gravado xunto aos instrumentistas que lle acompañan desde o inicio da súa traxectoria como solista, neste novo álbum Enric Montefuco sublima a súa proposta sonora e ratifica o seu compromiso literario desde unha insubornable conciencia poética e tamén política. Tras o abrazo á música popular que supuxo o seu celebrado debut, Meridiana (2016), o ex líder da banda de hardcore punk Standstill continúa explorando os mecanismos da canción.