A Casa das Campás acolle a proxección dun documental sobre a poesía galega dos últimos anos
Por Olaya Madrigal
Nun tempo en que conviven cinco xeracións de poetas, no que medra o recoñecemento exterior da poesía galega e se está a experimentar con novas formas de expresión, son moi necesarios os proxectos audiovisuais que poñan o seu punto de vista na poesía galega dos nosos días.
Este é o obxectivo de "Vértice de Versos", un documental de Carlos Lorenzo onde se repasa o acontecido dende os 90 no ámbito poético galego que se proxectará na Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (Casa das Campás) este mércores ás 19:30 horas.
No documental, os seus propios creadores, críticos e editores dan unha visión periférica do terreo poético en Galicia nos últimos 25 anos, pasando pola situación actual da poesía galega, a historia da nosa poesía, a salientable presenza da muller nela, as diferentes formas de expresión poética, a videopoesía e o futuro ao que o xénero lírico se enfronta.
A maiores, Baldo Ramos, Yolanda Castaño, Emma Pedreira e Gonzalo Hermo, todos eles poetas, aproximaranse aos seus inicios neste campo, ás motivacións que experimentan e ao valor que lle conceden a esta forma de creación artística.
Ao remate do visionado, haberá un coloquio con Carlos Lorenzo, o seu director, e o poeta Ismael Ramos.