Homenaxe no Salón do Libro a Antonio García Teijeiro no Día da Literatura infantil e xuvenil
Por Mónica Patxot & Redacción
O Salón do Libro festexaba este martes a celebración do Día Internacional da Literatura infantil e xuvenil. O Seminario Permanente de Jazz e as actrices María Lado e Lucía Aldao ofreceron o espectáculo orixinal e exclusivo 'Po e Xía'.
Durante a mañá, máis de medio milleiro de estudantes asistían a esta función teatral mentres que pola tarde, o espectáculo incluía a homenaxe ao autor Antonio García Teijeiro.
A concelleira de Cultura Carmen Fouces dirixíase ao público lembrando que este martes tamén se celebraba o Día Internacional do Autismo e quixo mencionar que esta edición do Salón dedicada á revolución era necesario recoñecer o traballo creativo de Antonio García Teijeiro, un poeta incansable na loita diaria por reivindicar a poesía para escolares.
O amigo persoal do homenaxeado, Xavier Senín, relatou anécdotas da súa etapa xuvenil con García Teijeiro, que tiña un espíritu deportista e practicaba balonmán. David Otero, Eva Mejuto e Raquel Mera agradeceronlle ao escritor vigués por "alimentarnos coa túa poesía".
No acto participaron varios escolares integrantes da Biblioteca Carabuñas de Monte Porreiro, que leron poemas de Teijeiro, traducidos simultaneamente á lingua de signos.
A concelleira Carmen Fouces entregou finalmente ao autor homenaxeado unha lámina-retrato orixinal de Marcos Viso, ilustrador de 'Paseniño, paseniño'. O poeta agradeceu ao profesorado de Pontevedra que teñan traballado a súa obra nas aulas e agradeceu a Paco Ibáñez, Alberti, Lorca, Machado, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferrerio a influencia que exerceron para desenvolver a lírica ou a Manuel María por indicarlle o camiño e facerlle seguir "o ronsel". García Teijeiro concluíu cunha máxima: "Todos somos poetas".
Relacionadas:
-
O humor será o tema principal da XXI edición do Salón do Libro e Italia o seu país convidado
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |
-
O Salón do Libro despide a súa XX edición cun desexo: que veñan 20 máis
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Pontevedra acolle o Festival de poesía PontePoética do 10 ao 14 de abril
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Contos en familia para bebés no Salón do Libro
Por Redacción |
-
Nova vida para os libros na II Feira de Libros Usados
Por Almu Dapena |
-
O Salón do Libro acolle o Congreso Internacional de Mediación Lectora
Por Redacción |
-
A XX edición do Salón do Libro abre as súas portas como "un mar eterno de revolución e ilusión"
Por Diego Espiño |
-
"Motim", a exposición de ilustración do Salón do Libro, reúne no Museo a obra de 38 celebridades artísticas lusas
Por Olaya Madrigal & Mónica Patxot |