Sés presenta en Pontevedra o seu novo disco, "Rabia ao silencio"
Por Redacción
Este sábado 30 de marzo Sés presentou no Teatro Principal de Pontevedra o seu novo disco, "Rabia ao silencio", que saíu á venda o pasado día 15.
Desta volta Sés propón un traballo acústico, máis íntimo e directo do que ten afeito aos seu público, para traer á Galicia do século XXI xoias musicais que na pasada centuria chegaron de ultramar (Cuba, Arxentina, Brasil...), mais tamén de diferentes puntos da Península Ibérica, na voz de Carlos Puebla, Mercedes Sosa, Zeca Afonso ou Fuxan os Ventos, entre outros.
Cancións adaptadas á nosa lingua que foron, no seu momento, semente ou crónica dos grandes movementos sociais do século XX, cancións que exemplifican a pluma e a voz profundas, humanas e solidarias.
"Rabia ao silencio" é un traballo composto por unha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor adaptadas pola autora.
Sés escolleu cancións cunha historia detrás: as ditaduras uruguaia e arxentina en letra de Benedetti ou Atahualpa Yupanki; a emigración galega vista por Fuxan os Ventos; a revolución sandinista; a cubana en boca en Carlos Puebla; un corrido popular mexicano dos tempos da revolución ou unha canción-denuncia da discriminación da comunidade negra dos anos 30.