Os "sufocos" de Lolita Flores e Paz Padilla en Pontevedra
Por Redacción
Lolita Flores, Paz Padilla, Fabiola Toledo e Ana Hurtado estrean en Pontevedra a comedia musical Sofocos, unha obra sobre os cambios psico-bio-neuro... lóxicos que toda muller experimenta ao chegar a certas idades. E é que a menopausia ten o seu lado divertido, ou polo menos isto é o que pretenden demostrar os textos, as músicas e as coreografías desta obra, unha montaxe teatral "de mulleres para mulleres", que xira por toda a xeografía española dende o mes de novembro.
A comedia musical está programada no Centro Social Novacaixagalicia Pontevedra para o domingo, 23 xuño ás 20:30 horas a un prezo dende 23 euros.
As catro protagonistas contan cun apoio "de auténtico luxo", tendo en conta que Agatha Ruiz de la Prada se encarga do vestiario e o deseño escenográfico; mentres que Lola González fai o propio coas coreografías.
Á súa vez, o elenco desta montaxe, cuxas entradas xa están á venda, inclúe a colaboración da popular xornalista María Teresa Campos, quen aparecerá no escenario de xeito virtual.
Unha monxa, unha lesbiana, unha ama de casa, unha paciente na consulta do xinecólogo, unha executiva agresiva. son algúns dos roles de Sofocos, con Juan Luis Iborra e Isabel Arranz na dirección.
A obra presenta tamén curiosas e insólitas recreacións de emblemáticos personaxes, como La Gioconda, Coco Chanel ou Juana La Loca. E, por suposto, os números musicais, nas que as catro actrices cantan, bailan e provocan ao público para que participe do grande espectáculo.