Revenidas refórzase con Talco, Gatillazo, Los Caligaris, Mal Élevé, Tribade e Valira
Por Redacción
O festival Revenidas, que celebrará a súa décimo sexta edición do 9 ao 11 de agosto en Vilaxóan, continúa desvelando a súa programación. Nesta ocasión, os organizadores confirmaron a incorporación de seis novos nomes ao seu cartel.
Trátase dos italianos Talco, os lendarios Gatillazo, os arxentinos Los Caligaris, o dancehall, punk e reggae de Mal Élevé, a música urbana de Tribade e Valira, o novo proxecto de Juan Zanza, guitarrista da Raíz.
Estas seis bandas súmanse aos xa anunciados punk do cuarteto sueco The Baboon Show, El Niño de la Hipoteca en formato eléctrico acompañado de Los Ratones, o poder feminista e reivindicativo de Flow do Toxo, o potentísimo punk e hard-core de Desakato e a cumbia e o reggaeton tropical de Los Jinetes del Trópico.
O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra.
Os interesados en asistir ao Revenidas 2019 poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 33 euros a través da páxina web www.revenidas.com.