Queen foi o primeiro grupo e o primeiro disco que o enganchou para sempre á música. Unha guitarra dos 60, pertencente a un tío avó, o primeiro instrumento musical co que comezou a tocar. Pero antes desta historia artística, hai unha historia deportiva. Valentín Dacosta Couñago era xogador de balonmán aos sete anos, co Marín e con catorce co Frigoríficos de Cangas. Un deporte, unha aprendizaxe, unha independencia, unha traxectoria deportiva que terminou cando unha lesión de costas dixo: ata aquí. Moi pronto en calquera caso como nos conta en PontevedraViva Radio.
Estudou Artes Gráficas e foi empregado e pluriempleado en diversas actividades. Ata tivo os seus locais na noite pontevedresa. O músico, primeiro foi un dos Tres Tigres. Tras a marcha dun dos integrantes pasaron a ser Desconcerto, que aínda compaxina a dia de hoxe con Óscar Lope. Di na súa Playlist que Desconcerto é "o que me dá para comer" e ese diñeiro é o que dilapida para Valentín Dacova.
Non cre na felicidade, si nos momentos felices; aínda que está na maioría de redes sociais declárase un "anacrónico adaptado"; namórase cada día, dun momento, dunha mirada, dunhas vistas, pero sen dúbida da muller que lle acompaña desde fai catro anos, Patricia. Pode ser máis que interesante poder botar unha ollada ao seu "caixón de maduración" onde deben estar os debuxos que para atender aos profesores facía na súa etapa escolar, ou as letras de cancións que foi escribindo desde moi novo, desde que preguntou á súa avoa "como dormen as jirafas?" e que deu lugar ao traballo que acaba de editar: Como dormen as jirafas. Esta vez sen acento e sen interrogación.