Primeiro concerto do ano no Náutico do Grove
Por Redacción
O Náutico reúne desde hai 27 anos a numerosos artistas do panorama internacional, converténdose así nun dos lugares máis especiais para gozar de música en directo xa sexa no interior da sala ou na terraza a beiras da praia.
A banda indie The Crab Apples protagoniza o sábado o primeiro concerto de 2019 no Náutico do Grove
The Crab Apples é unha banda de Barcelona formada por Carla Gimeno (voz, guitarra), Laia Alsina (guitarra eléctrica), Laia Martí (baixo) e Mauro Cavallaro (batería). Como o seu nome indica denotan a acidez xusta e propia dun grupo formado por xente nova, e considéranse silvestres pola súa liberdade, frescura e intuición á hora de concibir e interpretar a música.
O que hai xa moitos anos empezou como un proxecto entre amigos da escola de música, con ganas de facer cancións, foi crecendo, colleu forma e aos poucos converteuse no sólido grupo que agora demostra o seu incesante auxe, a través dun envolvente, orgánico e á vez sofisticado directo.