A obra "Retrato dun médico" de El Greco xa pode visitarse no Museo de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Museo de Pontevedra é a sede escollida en Galicia para celebrar o bicentenario da fundación do Museo del Prado. Con motivo desta efeméride e atendendo á relación histórica entre ambas institucións museísticas a Sala de exposicións temporais número 1 do Sexto Edificio acolle a obra "Retrato dun médico" que forma parte da Colección Real do Museo do Prado.
"Es una obra singular, uno de los mejores retratos de El Greco", dixo o director do Museo do Prado, Miguel Falomir durante o acto de apertura da mostra ‘De xira por España’ celebrado este luns e que contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva.
A conservadora María Angeles Tilve puxo de manifesto que a relación do Museo de Pontevedra co Museo do Prado remóntase á propia fundación da institución pontevedresa en 1927 e, sobre todo, á figura do pontevedrés Sánchez Cantón, que traballaría no Museo do Prado durante 50 anos, primeiro como conservador e despois como director.
Falomir dixo que escolleron o Museo de Pontevedra como unha homenaxe a Sánchez Cantón, "un personaje absolutamente clave en la historia del Prado" e tamén pola "excelencia del Museo de Pontevedra tanto en instalaciones como en personal y equipo técnico".
A mandataria provincial agradeceulle o xesto ao Museo do Prado e sinalou que "a cultura e a arte son do pobo, das persoas, e esta idea de que a arte viaxe fóra do Museo democratiza ao Museo do Prado".
Carmela Silva tamén insistiu que o de Pontevedra "merece ser considerado o Museo Nacional de Galicia porque alberga obras que falan da nosa historia como galegos e como galegas".
Despois de Andalucía, Galicia é a segunda Comunidade Autónoma en canto a obra en depósito do Prado, albergando un total de 336 obras das 1.900 que ten depositadas por todo o Estado, sendo o Museo de Pontevedra "uno de los principales beneficiarios". A día de hoxe o Museo de Pontevedra alberga un total de 76 obras en depósito procedentes do Museo estatal.