Andrés Trapiello abre na Casa das Campás de Pontevedra o ciclo "6 días, 6 poetas"
Por Redacción
A poesía, segundo Andrés Trapiello, "sobrevive como pode" no medio dunha realidade que "a mira con indiferenza" ou mesmo "con desconfianza ou hostilidade". Foi a directa reflexión que o escritor leonés fixo na Casa das Campás, escenario da inauguración do ciclo 6 días, 6 poetas, organizado polo campus de Pontevedra.
O obxectivo deste programa é achegar a poesía á cidadanía, un xénero que Trapiello aprecia "en todas as partes da vida" e que ten a súa "pedra de toque" na emoción e xeran sentimentos "que nos van facendo mellores, ensinándonos cousas que non coñecíamos".
Distinguido con galardóns como o Premio Nacional da Crítica, o Premio Internacional de Novela Plaza & Janés ou o Premio Nadal, Trapiello leu unha selección de textos procedentes na súa meirande parte do seu poemario máis recente, xunto con varios poemas inéditos.
"A poesía é o máis importante que fago, escribo todos os días, pero a poesía preséntase de maneira moi estraña", explicou o autor, que sostivo que na súa obra poética o impulso, a mirada e a maneira de escribilos "son os mesmos desde hai 40 anos, pero o que muda son os lectores aos que os versos poden xerar esa emoción.
Recoñece que os poetas se comportan a miúdo "como seres estraños e inadaptados" algo que, recoñece, "non forma parte da súa natureza", senón que constitúe a maneira que teñen de sobrevivir "mentres gardan ese lume sagrado, como Prometeo".
Nese senso, Trapiello incidiu que os poetas poden dirixir a súa ollada cara "asuntos sublimes", como Dante ou Shakespeare, do mesmo xeito que ollan cara "cousas pequenas e insignificantes", como Leopardi ou Dickinson; pero en ambos casos a importancia está "na súa propia mirada, na súa maneira persoal de ver o mundo".
Tras a sesión deste luns, o ciclo 6 días, 6 poetas continúa desenvolvéndose con catro sesións máis, ás 20.00 horas, nas tardes de martes a venres, e un último encontro, o sábado 16, ás 12.00 horas. A súa seguinte protagonista será a valenciana Susana Benet, autora dunha decena de libros de poesía e considerada unhas das principais autoras de haikus en lingua castelá.
A andaluza Pilar Pardo, gañadora do Premio Nacional de Poesía Florentino Pérez-Embid; o poeta leonés Antonio Manilla, o escritor vasco Gabriel Insausti e o poeta e xornalista asturiano Javier Almuzara, serán outros dos invitados a esta iniciativa cultural.