Un parlamento literario en Pontevedra quere recuperar a linguaxe política entre a xente nova
Por Redacción
Pontevedra vai converterse nun espazo para o análisis sobre a sociedade actual desde diversas ópticas. A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) organizou un "parlamento" que se desenvolverá durante este venres 15 e o sábado 16 de marzo entre o Pazo de Mugartegui, o Pazo da Cultura e o Teatro Principal.
Cesáreo Sánchez, presidente de AELG e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentaban este luns no Concello este evento que contará con diversos relatorios nos que se reflexionará sobre a importancia da literatura como ferramenta para analizar os acontecementos actuais.
Temas como a liberdade de expresión, a violencia institucional, a violencia machista ou a emigración da mocidade galega con formación universitaria centrará esta análise, que tamén procura que as novas xeracións recuperen a linguaxe política e que as persoas que se dedican á escrita reflexionen sobre o que acontece.
Ao longo destas xornadas participarán nomes sobraddamente coñecidos no ámbeto literario e político como Carme Adán, Suso de Toro, Laura Mintegi, María Reimóndez, Pilar García Negro, Diana Varela, Camilo Franco ou Ana Romaní, entre outros. A organización espera que Manuel Rivas tamén participe na sesión final, que se vai desenvolver no Teatro Principal coas conclusións das xornadas.
Calquera persoa interesada pode participar de todas as actividades sen necesidade de inscrición previa.
PROGRAMA
Venres 15 de marzo, mesas redondas no Pazo de Mugartegui.
Tarde
16:30 Liberdades civís e dereitos nacionais.
18:30 Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade.
Sábado 16 de marzo
Mañá, nos seminarios do Pazo da Cultura, van desenvolverse os seguintes grupos de traballo:
10:30 a 12:00. Feminismos. Identidades.
10:30 a 12:00. Desposesión da terra e da identidade. As migracións de hoxe. A emigración galega no século XXI.
12:30 a 14:00. Lingua e patrimonio cultural. Papel do/a creador/a na sociedade actual e exercicio de dereitos nacionais.
12:30 a 14:00. Cultura, medios de comunicación e poderes. A literatura e a creación/expresión literaria como ferramenta construtora dunha sociedade libre.
Tarde, no Teatro Principal
17:00 a 19:00 Lectura e debate das achegas das mesas e grupos de traballo anteriores.
19:30 Acto literario e musical.