Amigas e Amigos do Museo solicitan que a Xunta asuma a xestión do Museo de Pontevedra
Por Olaya Madrigal
Ernesto Vázquez-Rey, presidente da asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, presentou un recurso de reposición contra a convocatoria de traballo para o posto de dirección do Museo Provincial, emitida polo deputado provincial e delegado de persoal Carlos López Font.
O 26 de novembro de 2018, tras o anunciamento da xubilación de Carlos Valle ao ter cumplido 65 anos, o goberno provincial anunciou a elección mediante concurso do próximo director, quedando suxeita a avaliación dos aspirantes a principios de mérito e criterios de idoneidade, competencia profesional e experiencia.
Dous meses máis tarde, César Mosquera, vicepresidente da Deputación, e Xosé Leal, deputado provincial de Cultura, explicaron as bases da convocatoria para optar ao posto, que se publicaría ao día seguinte, existindo dende ese momento un prazo de 30 días para presentarse, no que os candidatos debían elaborar un proxecto cos seus plans para o Museo.
Na mañá deste xoves, Ernesto Vázquez-Rey denunciou a irresponsabilidade coa que o goberno provincial está a tratar o tema. Entre as acusacións que lle atribúe, destaca a falta de competencias que ten a Deputación en canto á xestión do Museo que, segundo o Estatuto de Autonomía, corresponde á Xunta de Galicia aínda que ata o de agora non se realizara ningunha xestión coa Administración autonómica, e solicita que a Deputación inste á Xunta a que asuma a súa responsabilidade sobre o Museo Provincial.
Pon tamén a atención sobre a falta de concreción e transparencia nas bases da convocatoria. A este respecto, nun primeiro lugar, resalta que as dez funcións recollidas son, nalgúns casos, impropias do cargo, noutras, demasiado abertas como para poder xulgar con obxectividade o desempeño do cargo directivo, quedando supeditado á opinión particular da persoa encargada do goberno en materia de cultura.
Resalta, así mesmo, a inestabilidade que supón a falta prolongada e intermitente de dirección. Critica que, de darse un cambio de goberno na Deputación Provincial, podería supoñer o cesamento da persoa que dirixa o museo.
Dende a asociación, solicitan a suspensión temporal na resolución da convocatoria por concorrer na mesma en causas contrarias ás leis vixentes e entender, polo tanto, que é nula. Resaltan tamén a convenencia dun estudo pormenorizado da situación en conxunción coa Administración autonómica, que é a última responsable en canto á toma de decisións desta índole.
RESPOSTA DE CARMELA SILVA
Carmela Silva, agradeceu á Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra "que coincidan coa Deputación de Pontevedra en que este Museo debería ser autonómico".
A presidenta da Deputación de Pontevedra lembrou que é "unha reclamación histórica que sexa o Museo Nacional de Galicia", algo que considera "lóxico" xa que "recolle toda a historia galega". Esta transferencia está expresamente recollida no acordo de goberno subscrito polo Partido Socialista e o BNG. "Aplaudo que apoien as reivindicacións da Deputación de Pontevedra", dixo a presidenta.
"A ver se eles teñen máis sorte que nós", desexou Carmela Silva a esta asociación.
Concretamente, referíase á reunión mantida co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo na que, Carmela Silva e o vicepresidente da administración provincial, César Mosquera, ofreceron un acordo global co Goberno galego para ceder competencias que son propias do Executivo autonómico como son o Museo, ademais doutras transferencias como o Príncipe Felipe, Areeiro, Mouriscade, A Lanzada, o Consorcio Provincial de Bombeiros; e Enfermería á Universidade de Vigo.
"Desa reunión marchamos sabendo que ía ser imposible facer esas transferencias porque a Xunta de Galicia non tiña ningún interese nelo", explicou Silva.
Relacionadas:
-
O xulgado ratifica a legalidade do nomeamento do director do Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
Crowdfunding para financiar a recuperación dun diploma concedido a Casto Méndez Núñez e doalo ao Museo
Por Redacción |
-
A Deputación rexeita o recurso de Amigas do Museo de Pontevedra contra a convocatoria da praza de dirección
Por Redacción |
-
CC.OO. pide participar na mesa de negociación das transferencias entre a Deputación e a Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
"Órdago á grande" da Deputación. Ofrece á Xunta o traspaso de 6 equipamentos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación converterá o Museo de Pontevedra nun organismo autónomo cun consello asesor
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Comisións Obreiras alerta do perigo de "inxerencias políticas" da Deputación na dirección do Museo
Por Oskar Viéitez |
-
Buscan "solvencia e experiencia" para a dirección do Museo de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O deputado de Cultura agarda que esta semana saian as bases para a escolla da persoa que dirixirá o Museo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |