Homenaxe á Rosalía que rompeu moldes no aniversario do seu nacemento
Por Redacción & Diego Torrado
A Rosalía de Castro que rompeu moldes por dedicarse ás letras nun tempo en que non estaba ben visto que as mulleres escribisen. A escritora que optou polo galego cando vivía os seus séculos máis escuros. A que cultivou unha temática afastada de tópicos e reducionismos, na que está presente tanto a dimensión persoal como sobre todo a colectiva. A Rosalía feminista e revolucionaria. Todas elas recibiron este domingo unha sentida e reivindicativa homenaxe no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra con motivo do Día de Rosalía.
A homenaxe, celebrada, como cada 24 de febreiro, aniversario do nacemento da escritora, é froito dunha colaboración entre o Concello de Pontevedra, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) e a Deputación de Pontevedra.
O obxectivo do acto é conmemorar a vida e a obra dunha escritora extraordinaria e homenaxear a unha escritora que logrou que a galega sexa a única literatura contemporánea do mundo fundada a partir da obra dunha muller.
Durante o acto, a escritora Eva Mejuto, autora das novelas 22 segundos e Memoria do silencio, foi a encargada de ler o manifesto redactado pola poeta e xornalista Ana Romaní para a AELG, no que fixo un percorrido pola obra rosaliana, pola súa dimensión crítica, combativa e reivindicativa, a súa defensa do país e das clases populares, a denuncia das inxustizas sociais e das discriminacións que sofren as mulleres.
Citas de versos que fixeron referencia ao espolio, ás violacións, aos desafiuzamentos, ao abuso laboral e aos éxodos centraron o discurso dun acto no que actuaron a cantautora Ugia Pedreira e o grupo musical A Banda da Loba.
Ugia Pedreira estreou unha performance orixinal titulada 'Rosalía, o ramallo da Pedreira' a partir de textos rosalianos, unha creación escénica específica sobre o inicio do libro Follas Novas de Rosalía de Castro.
As cinco integrantes de A Banda da Loba fixeron gala do seu estilo ecléctico e heteroxéneo, que bebe do rock, do pop e do folk, e interpretaron un repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra.
Relacionadas:
-
"É difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga"
Por Redacción & Roberto Alonso Pereira |
-
Reivindicación da Rosalía de Castro máis universal e feminista
Por Victoria Regueira & Redacción |
-
Un libro de poesía e unha camelia para lembrar os agasallos culturais que deixou Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
As palabras de Rosalía de Castro agromarán este domingo no Parque Ramal dos Galos
Por Redacción |
-
Música de Ugía Pedreira e A Banda da Loba para celebrar o Día de Rosalía en Pontevedra
Por Redacción |