Un libro de poesía e unha camelia para lembrar os agasallos culturais que deixou Rosalía de Castro
Por Redacción
Coa intención de dar relevancia ás comarcas e á rede asociativa da provincia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra organizou un acto para conmemorar o Día de Rosalía. Será este venres 22 no vestíbulo do Pazo provincial a partir das 11.30 horas, adiantándose aos actos que diversos concellos realizarán durante o día oficial que coincide en domingo.
Este acto contará coa presenza de representantes de nove asociacións e será o deputado de Cultura Xosé Leal o encargado de abrir o acto mentres que a presidenta provincial Carmela Silva porá fin ás diferentes voces que darán lectura a textos da autora de Santiago de Compostela.
Lucía Novas, a poeta de Bueu, foi designada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega para ler o manifesto deste ano do que é autora a xornalista e poeta Ana Romaní. Durante o acto vai entregarse un libro de poesía en galego e unha camelia a todas as persoas que asistan.
MARÍN
O sábado 23, o Concello de Cultura anuncia tamén actividades con motivo do Día de Rosalía. Vai levarse a cabo unha intervención teatralizada en relación á figura da poeta coa actuación da actriz Ana Ponte e o actor Diego Freire. Trátase dunha iniciativa na que se destacarán os obstáculos que superou a autora e o papel central que ocupa na cultura de Galicia. O acto será ás 12.30 horas no salón de actos da Biblioteca 'Vidal Pazos'.
Durante o domingo continuarán as actividades cunha actuación de Os Chaneiros na Alameda de Marín a partir das 12.30 horas. Producións Dispersas ofrecerá unha intervención teatralizada baixo o título 'Sempre Rosalía'. Comezará ás 13.00 horas no mesmo espazo.
POIO
Tamén en Poio está previsto que se desenvolvan intervencións teatralizadas de 'Sempre Rosalía', cunha duración de vinte minutos, nos cinco Centros de Ensino Infantil e Primaria a partir do luns 25 de febreiro.
Ademais, o Concello ofrece imaxes da escritora e diferentes fragmentos dos seus textos na Biblioteca Municipal, desde este venres 22 ata o 28 de febreiro.
Xa este xoves 21, neste espazo municipal vai celebrarse o Día da Lingua Materna, ás 18.00 horas, cunha sesión de contacontos para escolares a partir dos 5 anos.
Relacionadas:
-
Homenaxe á Rosalía que rompeu moldes no aniversario do seu nacemento
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Reivindicación da Rosalía de Castro máis universal e feminista
Por Victoria Regueira & Redacción |
-
As palabras de Rosalía de Castro agromarán este domingo no Parque Ramal dos Galos
Por Redacción |
-
Música de Ugía Pedreira e A Banda da Loba para celebrar o Día de Rosalía en Pontevedra
Por Redacción |