O pasado e o presente das mulleres galegas, reflectido na nova mostra de Xosé Abad
Por Redacción
Afundación presenta un novo proxecto fotográfico do artista Xosé Abad, "Nais e fillas. Dúas xeracións, un obxectivo", unha exposición na que o artista mostra a mulleres de distintas xeracións, nais e fillas, unhas fronte a outras, para amosar os cambios alentadores que se deron na sociedade en favor das mulleres.
Inaugurarase o vindeiro 27 de febreiro no Café Moderno de Pontevedra, onde se poderá visitar ata o 1 de xuño.
A finalidade é retratar e presentar ao público dúas imaxes das mulleres a través de dúas xeracións que, sen estar moi distanciadas no tempo, reflicten unha diferenza laboral e sobre todo vital.
A intención do autor é mostrar este salto xeracional no retrato de nais e fillas, dúas xeracións de mulleres cunha relación de afectividade, con vidas diferentes ligadas a traballos moi diferentes, que transcenden do privado e particular ao xenérico e emblemático, converténdose en representantes de dúas formas de vivir.